Humanidade e solidariedade

Aandan os cans na bouza. En Santiago de Compostela van pola Alameda recreándose, paran xunto de Valle-Inclán e dende alí outean, contemplan a cidade vella, miran para a catedral e para o concello, dan a volta, andan polo paseo da Ferradura e ladran, tal como se fosen escorrentando ao lobo que vai comer as ovellas. En tódolos parques de tódalas cidades e vilas do país hai cadelos deambulando, moitos ceibes e outros atados, por imperativo legal, ben amarrados coa correa á man do amo.

Na praza do Castelo de Lugo vai o can Morito e lámbelle a perna vestida de bronce a don Ánxel Fole, marca o territorio e vaise buscando outra escultura para arrimarse tamén a ela. En Vigo, un grupo de mozas e mozos estaban abrazados aos seus cadelos (e cadelas) na praza das Apertas, mentres se deleitaban coas cores vivas de Antón Pulido, o grande Pulido que pinta, canta e dá vida onde queira que sexa e a quen sexa. Millóns de cadelos polas rúas, polos xardíns, polos paseos e por tódolos lugares das cidades. Nas cidades e vilas costeiras pasean e ladran, polos peiraos e polas veiras do mar. Nas cidades e vilas do interior tamén ladran, como se falaran sen esperar resposta.

Lugares novos para aseo do can e do gato, para que regresen peiteados e acicalados; garderías para cadelos e todo tipo de mascotas, tendas especias de regalo para o animaliño, “un máis da familia”, co seu nome na cinta de atar e, se é o caso, coa súa foto no papel de envolver. Nas proximidades das residencias para maiores, todas elas no quinto pino, aumentan considerablemente os negocios caninos, modernos restaurantes con dieta sa e de produtos naturais, garderías para que os cuadrúpedes, despois de comer, descansen tranquilamente durante esa hora dominical na que o seu amo ou ama conversa, na grande sala de agarda, cos avós internados.

Milleiros de cans en tódalas esquinas, nos parques, nas rúas e no cuarto de estar do primeiro, do segundo e do terceiro dereita. Todos iguais e todos diferentes. Moitos como Amiña, a cadela daquela muller que, ao non poder facerlle a cartilla da Seguridade Social e non poder tampouco incluíla na súa, ía con ela ás revisións a un consultorio de pago. Portaba con elas unha pancarta reclamándolle ao Sistema “humanidade e solidariedade”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar