Xosé Otero Canto e a súa ‘Sinódica luz’

Un ve “sinódico” e tenta entender esa especial luz, e acude á fonte limpa e a primeira acepción é relixiosa, e sería referida ao sínodo, que é xuntanza, posta en común, visión poliédrica, mesmo da luz que facilita a visión. E a segunda acepción é sideral, e tería que ver cos astros, sendo o período sinódico o que transcurre entre cita e cita co sol centro do sistema.

E entón entro no libro e atopo luces vivas -luz da luz-, luz da verdade, luz do amor, luz da emoción… e por momentos lembro a Díaz Castro, coa súa sede de luz… luz da perfección ou da perseverancia, a da gratitude ou do goce…. Luz poética do sínodo que formamos os devotos confesos deste xeito de expresarse sobre as verdades do mundo e da vida

E un vai avanzando e segue vendo luces, que son centos e que é a mesma vista de xeitos diferentes, cunha perspectiva distinta, cun estado de ánimo que cambia como cambia a luz diante dos nosos ollos… que son ollos, precisamente, para percibir a luz; que “son ollos porque ven a luz”.

Luz do nacer, do desespero, da soidade, da saudade, da inmensidade, da tristeza…de existir, do abrente, solermiña, da alma, penetrante ou do profundo… e un non sabe que filósofos pensaron sobre a luz, pero si sabe agora dun poeta que xogou coa luz, que a namorou, que a domesticou, para facela palabra… e un comprende a aquel moribundo que pedía “moita máis luz” quizais para poder morrer en paz, invadido pola beleza.

Luz de silencio, da ausencia ou do baleiro, da dúbida, do tempo perdido ou do abandono… e un que coidaba que con que a luz viñese xa todo sería perfecto, completo, rotundo… pero hai milleiros de luces na luz.

Luz da desgraza, da perda, do medo… covarde, da dificultade, da envexa, da provocación, da ofensa, do inútil, da equivocación, doente, desprendida, do desacougo, do fracaso e da morte… agora si que comprendo que sinódico pode ser o camiño de sol a sol, a través de mundos oscuros, xeados, inertes…ata ficar na oscuridade da travesía sideral, nos máis fondos ceos ou na máis lóbrega caverna platoniana. Sinódica, en fin, a xuntanza dos sinodales para atopar milleiros de luces na luz que buscamos.

E busca un a luz do sol ao remate do sínodo, cando atopamos a crise, a escuridade, o suor e as bágoas… e despois de pasar pola luz da soidade, do baleiro e do desacougo… atopamos os lixos dos mares e a Wall Street; os rescates e as sociedades anónimas; o caníbal mercantilismo cos emperadores do óxido de ferro; o global, a epifanía da forza… quosque tándem, Catilina… Pero na popa desta nave poética hai vida e esperanza. Precisamente, nunha nova luz que nos ha medir “de alto a baixo”.

Temos que reinventar un novo barco contra as naos do capitalismo infernal, di o timonel. E o libro remata coa visión do necesario futuro:

Deixaremos polos mares as divisas dun novo ronsel
e nas súas flores brancas
o espertar dun distinto amencer.

Xa o dixo Novoneyra: Galicia pode ser outra cousa; a vida pode ser outra cousa. E sempre, nimbados pola luz. Sinódica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar