Ourense: Expediente de honra para Coral de Ruada

 

O expediente de honra incoado polo Concello de Ourense a prol da Coral de Ruada mantén aberto o seu período de información pública. Ate o día 9 de novembro, todas as persoas e entidades que o desexen podarán participar no expediente, adherirse a el, achegar a documentación xustificativa dos méritos que estimen oportunos ou efectuar as propostas ou informacións que procedan para a xustificación dos merecementos da coral ourensá.

O Consello da Cultura Galega, a Academia Galega de Belas Artes, o Padroado do Museo do Pobo Galego, a Deputación de Ourense, o Ateneo, a coral Agromadas, Rondalla Alecrín e ata 32 entidades e particulares adheríronse xa este expediente de honras.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, anima a toda a cidadanía ourensá “a que se sume a este importante recoñecemento para que a cidade poida devolverlle á Coral de Ruada unha pequena parte do que nos ten dado para engrandecer a Cultura de Ourense”.

As adhesións deberán presentarse a través do Rexistro Xeral do Concello ou asinadas telematicamente. Na páxina web do Concello de Ourense www.ourense.gal, no apartado trámites e instancias, pódese descargar un modelo de escrito de adhesión.

O Concello de Ourense, en sesión plenaria do día 8 de xuño de 2018, acordou, por unanimidade, aprobar a incoación de expediente de honra a favor de Coral De Ruada como recoñecemento ao labor levado a cabo ao longo dos 100 anos de existencia en prestixio da música galega e das tradicións, nomeando xuíza instrutora para as dilixencias á concelleira de Cultura, Belén Iglesias.

Segundo se pon de manifesto no expediente, o día 5 de outubro cumpriuse o centenario da fundación da Coral de Ruada, e o próximo 24 de xuño de 2019 cumpiranse cen anos da súa presentación ao público. Baixo a batuta do primeiro director, Daniel González, despois dunha longa tempada de reunións e ensaios dun grupo de amigos amantes da música, trataron e conseguiron crear unha masa coral própia adicada a música galega, capitaneados polo galeguista e creador literario Xavier Prado “Lameiro”·.

Desde os seus primeiros anos de vida acadaron éxito tras éxito en todo o país e América, recibindo numerosos e prestixiosos recoñecementos públicos e distincións, entre as que destaca a Garabata da Bandeira ou a praca de ouro do Centro Galego de Bos Aires, a bandeira do Concello de Ourense, a Medalla de Ouro do Liceo Ourensán, a Medalla de Ouro da cidade de Ourense, entre outras, ademais de ter gravado nos seus discos e interpretado en auditorios de todo o mundo as cancións máis fermosas e populares da nosa música.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar