Feijóo asegura que o PP é o único partido con proxectos para Lugo

O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, dixo que o PPdeG é o único partido que ten un proxecto para Lugo e que mostra diso son os orzamentos do Goberno autonómico para esta provincia: “Nunca houbo tanto orzamento en Lugo como agora”. “A Xunta –engadiu- investirá máis de 4.000 euros por cada lucense, moito máis do que se destinaba a esta provincia no 2009”.

Neste senso, Feijóo explicou que as contas para 2019 están cheas de solucións para pagar menos impostos, xa que se amplían as rebaixas aprobadas nos últimos anos; para mellorar a mobilidade, como a futura Ponte de Viveiro; para o rural, con máis investimento e máis esforzo para garantir o relevo xeracional –nos últimos 24 meses, 18.000 mozos comezaron a traballar no agro-; e en materia social, con máis fondos para atención á dependencia e coa apertura das primeiras Casas do Maior. “E o impulso ao Barrio da Residencia de Lugo”, para o que o presidente dos populares galegos reclama o compromiso do Goberno central. Indicou, ademais, que a chegada do AVE a Lugo é “un compromiso sagrado”. Tal e como dixo, Galicia será a única comunidade autónoma que terá orzamento o un de xaneiro de 2019.

Durante a súa intervención, na que puxo de manifesto a parálise do concello de Lugo e unha década de “codazos” na Deputación provincial, o presidente do PPdeG salientou que Lugo se merece algo mellor. “Teñen os motores apagados, o único que funciona é o da Xunta”, sinalou.

 

Coa vista posta nas vindeiras eleccións municipais, Feijóo apuntou cales son as catro claves para gañar nos 67 concellos da provincia: traballo, para acadar un concello mellor; humildade, porque os alcaldes non son xefes de ningún veciño, senón servidores de todos eles; uns bos equipos, que representen todas as sensibilidades e todas as parroquias; e ilusión, porque para gañar o primeiro e máis importante é querer gañar. “Para traballar polo PPdeG non hai máis requisitos que querer sumar e querer servir aos nosos veciños”, salientou Feijóo, quen destacou a importancia de escoitar á xente para poder dar así coa resposta ás súas demandas.

Do mesmo xeito, salientou que en maio de 2019 non só se elixe ao alcalde ou alcaldesa do noso municipio, senón “a forma de vivir en democracia, de respectar aos demais e de vivir en liberdade”. “As eleccións -engadiu- son para elixir o modelo de país e para dicir basta xa de bromas e de señores que queren romper o edificio que construímos entre todos”. Neste senso, lamentou que haxa partidos que “pretendan destruír e retorcer a man que nos demos” hai corenta anos.

 

Feijóo amosouse convencido en que o PPdeG será o partido de referencia para a maioría dos lucenses, xa que aquí están os mellores equipos. “En cada concello da provincia, temos que estar ao carón dos nosos veciños. É imprescindible ser accesibles, pero ademais de falar, hai que facer”, indicou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar