A UE premia una iniciativa liderada polo Cetmar sobre verteduras marítimas

A Unión Europea vén de recoñecer o traballo do proxecto MARINER por reforzar a cooperación rexional na planificación, preparación e resposta ás verteduras marítimas de substancias químicas consideradas como nocivas e potencialmente perigosas (SNPP). Este galardón foi recollido esta semana en Vigo pola directora do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda,  durante a 5ª Conferencia da Plataforma de Stakeholders do Atlántico e recoñece o “éxito sobresaínte” desta iniciativa -coordinada pola Fundación CETMAR xunto a outras institucións galegas como o Intecmar, o Servizo de Gardacostas e a Universidade de Vigo- pola súa relevancia para a implementación do Plan de Acción Atlántico, neste caso no ámbito da cooperación internacional.

O Centro Tecnolóxico do Mar,  que xa fora galardoado nos Atlantic Project Awards 2016 polo proxecto ARCOPOL Platform, recibe así un premio que destaca a vocación do proxecto MARINER de desenvolver resultados tanxibles para mellorar a preparación e resposta a verteduras mariñas de substancias químicas, resultados que ademais poden ser transferidos a outras áreas xeográficas.

Durante os dous anos de traballo conxunto, o consorcio MARINER fixo especial fincapé na difusión dos seus resultados a nivel institucional, de xeito que puideran ser aplicados polas autoridades competentes e polos equipos de loita contra a contaminación mais alá do ámbito da Estratexia Atlántica, de aí o premio recibido agora á cooperación internacional.

As accións de MARINER, no que participaron institucións de Reino Unido (Public Health England), Francia (CEDRE) e Portugal (CIIMAR e Bentley Systems), permitiron avanzar na compilación e visibilización do coñecemento existente e na mellora dos protocolos e equipos de resposta aos vertidos deste tipo de substancias químicas. O proxecto permitiu ademais desenvolver novas ferramentas de predición do comportamento desas verteduras e do seu impacto ambiental no medio mariño, así como materiais e ferramentas de formación.

Financiado pola Dirección Xeral de Protección Civil e Axuda Humanitaria da Comisión Europea, o proxecto MARINER foi froito do espazo de colaboración creado nos últimos anos a través dos proxectos ARCOPOL que, coordinados pola Fundación CETMAR, dinamizaron unha serie de organizacións traballando na mellora das capacidades para responder a verteduras de hidrocarburos e sustancias químicas consideradas como SNPP.

Ademais de MARINER e ARCOPOL Platform, outra iniciativa da Fundación CETMAR,  a Plataforma Tecnolóxica para a Protección da Costa e do Medio Mariño -PROTECMA-, foi galardoada cun accesit do Premio de Salvamento Marítimo ao mellor labor de divulgación en materia de seguridade e/ou medio ambiente mariño.

 

Morada Atlántica

 

Por outra banda, o proxecto Morada Atlántica promovido polos grupos de acción local do sector pesqueiro do Seo de Fisterra Ría de Muros Noia e polo da Costa da Morte coa colaboración do Grupo de Açao Costeira da Regiao de Aveiro, recibiu o “premio especial” no marco deste encontro. Este proxecto consistiu na creación dun recetario de cociña atlántica e dunha rede de espazos de contido museístico atlántico. O seu obxectivo era a posta en valor da cultura e o patrimonio material e inmaterial mariñeiro, utilizando como fío condutor a gastronomía. Foi subvencionado pola Consellería do Mar a través dunha achega de 73.500 euros.

Esta iniciativa ampliouse máis tarde aos oito GALP que hai en Galicia a través do proxecto Morada Atlántica+Espazo Atlántico. Os oito GALP son: GALP Costa da Morte, que é o coordinador; GALP A Mariña Ortegal, GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia Costa Sustentable, GALP Ría de Arousa, GALP Ría de Pontevedra e GALP Ría de Vigo-A Garda. Ademais conta coa colaboración de grupos andaluces, de Gran Canaria e tamén portugueses. Recibiu unha axuda da Consellería do Mar de 123.500 euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar