Ourense:Apertura do curso académico na UNED

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participo no centro cultural “Marcos Valcárcel” no acto de inauguración do curso académico 2018-2019 da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Ourense, que conta no período académico que comeza cun novo equipo directivo e cunha páxina web renovada.

Rosendo Fernández destacou o apoio da Deputación de Ourense coa UNED en Ourense para “promover e facilitar o acceso á educación a todos os veciños da nosa provincia co fin de garantir o acceso a estudos universitarios aos ourensáns que o desexen, independentemente do seu lugar de residencia e da súa realidade socioeconómica”. Así mesmo, Fernández felicitou aos profesores-titores polo seu labor docente “que prestan o seu servizo aos alumnos, tanto no propio centro asociado de Ourense como na aula universitaria da Rúa, ofrecendo un amplo abano de posibilidades de formación tanto no ensino regrado como nos cursos de extensión universitaria que se desenvolven en diferentes puntos da xeografía provincial”.

Durante o acto, a secretaria do centro asociado da UNED en Ourense, María Concepción Álvarez, deu lectura da memoria académica do curso 2017-2018 que ofreceu en total 1.500 materias, das cales un terzo foron presenciais e as restantes impartíronse a través da plataforma virtual.

Como balance do curso pasado destaca a implantación do grado de criminoloxía, e o Programa Sénior, chegou ao seu terceiro ano, e neste sentido, o vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a colaboración da institución provincial con esta iniciativa “financiando o 50% do custe da matrícula do alumnado da provincia”.

Durante o curso académico 2017-2018 traballaron 63 profesores-titores no Centro Asociado de Ourense, e 12 profesores-titores na Aula da Rúa, xunto con 9 traballadores de administración e servizos, que atenderon a preto de 1.100 alumnos, aos que se suman os 600 alumnos que participaron nos cursos de extensión universitaria, pechándose así o curso cun alumnado de 1.700 persoas. A maior parte do alumnado, o 82 %, é da provincia de Ourense e, por materias, o 42 % foron alumnos de ciencias sociais e xurídicas; o 20 % de ciencias da saúde; o 16 % de artes e humanidades; o 6 % foi do curso de acceso: e os alumnos de enxeñerías e ciencias experimentais representan o 5 % do total. Por último, o 11 % do alumnado pertence a Posgrados e o CUID. Por idades, a maior parte dos alumnos teñen entre 27 e 45 anos, aínda que o abano de idades vai dos 19 aos 79 anos.

O padroado da UNED de Ourense está integrado pola Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, a propia UNED, e tamén coa achega da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, e do Concello da Rúa.

No acto de inauguración do curso académico 2018-2019 participou tamén a vicerreitora de Metodoloxía e Innovación da UNED, Ana María Serrano; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o ex-director da UNED en Ourense, Jesús de Juana, quen impartiu unha conferencia maxistral sobre “Cosas de Ourense”; e en representación dos novos titulados da UNED-Ourense, Arián González. Tralas intervencións, entregáronse os diplomas a unha representación do alumnado que rematou os seus estudos, integrada por 11 persoas, e rematou o acto coa actuación da Coral “Capela Madrigalista”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar