O vicepresidente da Xunta visita a Mancomunidade do Ribeiro

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou que a colaboración cos concellos permite levar adiante actuacións que redundan directamente no benestar da cidadanía, como é o caso da Mancomunidade do Ribeiro que supón un exemplo de xestión compartida de recursos e de prestación conxunta de servizos por parte de concellos limítrofes.

Alfonso Rueda, visitou esta mañá o concello de Beade onde está situado a sede da Mancomunidade do Ribeiro, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ourense; Marisol Díaz Mouteira e da directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, onde puideron comprobar de primeira man as melloras e actuacións levadas a cabo grazas ás axudas da Vicepresidencia.

Ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, a Mancomunidade do Ribeiro recibiu este ano unha axuda destinada a gastos de mantemento e á optimización enerxética do alumeado das dependencias da sede, e grazas ás axudas do ano pasado foi adquirido un camión para a prestación de servizos mancomunados.

O Fondo de Compensación Ambiental, ademais dun forte compromiso cos concellos e o medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, é unha clara mostra da aposta da Xunta polo reequilibrio territorial, xa que beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos.

O Fondo de Compensación Ambiental foi posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010, procedente do canon eólico, e permitiu que por primeira vez os concellos galegos se beneficien directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar