Caballero, en defensa da memoria histórica en Madrid

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo en compañía do portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, unha xuntanza de traballo co director xeral para a Memoria Histórica, Fernando Martínez, para abordar os traballos en prol da recuperación do Pazo de Meirás para o público.

Ao termo do encontro, Gonzalo Caballero puxo en valor “o compromiso claro en defensa da memoria histórica” do goberno presidido por Pedro Sánchez, como proba o feito de que, nos seus cen primeiros días, xa se teña aprobado a retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos.

No que atinxe ao Pazo de Meirás, o líder dos socialistas galegos destacou “a plena sintonía” co executivo e reivindicou que “por primeira vez” un goberno está traballando “con rigor e seriedade” para analizar “todas as posibilidades legais” que permitan que ese inmoble “volva a mans do patrimonio público e da cidadanía”.

“O goberno ten a vontade de facelo e non vai a deixar de facer nada que se poida facer dentro do marco legal para corrixir aqueles elementos que están distorsionando a realidade da memoria histórica”, proseguiu o máximo dirixente do PSdeG, sen esquecerse dos “avances” que xa se están dando neste eido.

Nese senso, Gonzalo Caballero apelou ao resto da esquerda para “dar impulso” a un goberno que “está comprometido” con esta causa no canto de “caer en debates estériles que poidan desvirtuar” o que ten que ser un obxectivo común das forzas da esquerda: “a recuperación da dignidade das vítimas e poñer en valor causas democráticas que van máis alá do status quo herdado do franquismo”.

Pola súa banda, o presidente e voceiro parlamentario do PSdeG amosouse “moi satisfeito e tranquilizado” trala xuntanza co director xeral de Memoria Histórica, sobre todo vista “a negativa displicente e pouco fundamentada” que tiña dado o goberno de Mariano Rajoy ao referido a loitar pola recuperación para o público do Pazo de Meirás.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar