Feijóo presenta como candidata á alcaldía de Vigo á exconselleira Elena Muñoz

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dixo que Elena Muñoz é “a resposta que necesita Vigo” contra a arrogancia, as mentiras e a neglixencia na xestión. Neste senso, apuntou  que é preciso “outra forma de facer política” que substitúa “a soberbia pola humildade no servizo aos demais; a mentira pola verdade; a neglixencia na xestión pola competencia e o exercicio de responsabilidades; e a confrontación polo entendemento”. “O que propoñemos –engadiu- é un concello que se adapte aos vigueses e non que sexan os vigueses os que teñan que adaptarse, aceptar ou soportar as cousas do seu concello e dos seus responsables”.
https://youtu.be/n_qSX0NItKk

Destacou o traballo e a perseveranza de Elena Muñoz e salientou que é a “súa maneira de ser e de actuar a opción que máis e mellor representa aos vigueses”. “Hai partidos –engadiu Feijóo- que, non só en Vigo, senón en toda Galicia e toda España esconden, por medo, o bochorno que senten polo seu candidato, nós sentímonos orgullosos de que sexas ti quen leve as nosas siglas”.

 

UN VIGO LÍDER

Durante a presentación da candidata á Alcaldía, Feijóo indicou que o proxecto do PPdeG para Vigo será “o proxecto dunha cidade líder”, integrador, que sume e sen que descualifique a ninguén.

E é que, tal e como manifestou, os populares galegos queren que Vigo conte cun auténtico proxecto global, porque o Vigo da nova década “pode e debe aspirar a moito máis”. Neste senso, a proposta do PPdeG é clara: un proxecto para que Vigo creza. “Que creza en prestacións e benestar, en oportunidades, en dereitos e liberdades, así como tamén no nivel das metas que se poña por diante”.

 

“CABALLERO, TI NON ES VIGO. VIGO SON OS VIGUESES”

“Mañá dirán que Feijóo veu a Vigo a atacar a Vigo. Non, Abel Caballero, ti non es Vigo”, destacou o presidente dos populares galegos, quen engadiu que “Vigo son os vigueses”, como os  traballadores da PSA, que fan un esforzo anónimo e constante para lograr o liderado colectivo; os profesionais sanitarios da Sanidade Pública, que son capaces de reaccionar con profesionalidade e dilixencia cando chegan máis de 460 feridos nunha soa noite; e os hostaleiros que amosan a mellor cara da cidade aos visitantes.

Recordou que o voto non é un cheque en branco nin un contrato de propiedade da administración, senón a obriga de servir. Por iso, incidiu en que, nas vindeiras eleccións, o que se elixe é a un rexedor e non a un dono ou propietario da cidade. “Vigo elixe quen lle serve, non ser servente do ego de ninguén”, dixo Feijóo, que salientou a importancia de mudar o actual escenario para que os veciños non teñan temor a represalias cando amosan a súa desconformidade ou para que as asociacións poidan dicir publicamente o que pensan sen medo a que se lles castigue sen recursos públicos.

Nesta liña, lamentou que hoxe Vigo estea habituada a escoitar que todo o que non sexa darlle a razón ao alcalde é un ataque a Vigo, que a cada solución sempre se responda cun problema ou que “se saque un coello da chisteira ou unha estridencia sempre ao día seguinte de que se teña que enfrontar a unha dificultade”. “Habituámonos –continuou- a que só deben ser escoitados os aplausos e que calquera cousa que haxa que ver sexa precedida por un teloneiro para máis gloria de si mesmo”.

Por iso, garantiu que o PPdeG non  vai calar, porque “a mordaza non funciona con nós”, aínda que se recorra á ameaza de impulsar comisións que non son máis que a declaración de culpabilidade do propio concello: “Vai necesitar –continuou- moitos máis shows, moitos máis dinosetos e moitas miles máis de bombillas para intentar eclipsar as responsabilidades dun accidente que causou máis de 460 feridos”.

Así, recordou que no Parlamento galego haberá dúas comisións de investigación, impulsadas polos grupos da oposición, algo impensable no Concello de Vigo: “Nunha comisión investigaranse as neglixencias que provocaron máis de 460 feridos no Marisquiño e na outra tratarase a Sanidade Pública que deu unha resposta eficaz e inmediata canto tivo que atender a esas máis de 460 persoas”. “Se o concello de Vigo –engadiu- funcionase coa mesma dilixencia e profesionalidade que a Sanidade Pública de Vigo tras ese accidente, este xamais se tería producido”.

Para finalizar, apuntou que, pese a que hai quen se empeña en difundir a mentira de que para que a Vigo lle vaia ben ao resto de Galicia lle debe ir mal, a nosa comunidade “non pode avanzar sen a súa primeira cidade e que Vigo avanza mellor cando o fai da man do resto de Galicia, e non contra ela”. Por iso, botou por terra o argumento de que a Xunta está en contra de Vigo ao salientar o traballo de todos estes anos do Goberno galego, por exemplo, nos accesos á Intermodal, na ampliación de San Paio de Navia, na posta en marcha da depuradora, no Campus do Mar, na Cidade da Xustiza ou no Hospital Público Álvaro Cunqueiro. “En Vigo investimos infinitamente máis que o concello en calquera ámbito, xa sexa infraestruturas, sanidade ou servizos sociais”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar