Radio Galega: Cinco debates nas desconexións locais

A nova programación da Radio Galega segue sumando novidades. Comezaron os debates territoriais nas desconexións locais. Comezando en todas e cada unha das delegacións que a emisora pública ten repartidas por Galicia falarase da actualidade política, pero tamén se abordarán os temas que máis preocupan no ámbito económico e social. Esta é unha aposta pola proximidade e polo debate político e tamén social.

Na estrea do formato, producíronse cinco debates simultáneos. En Compostela, na sede da CRTVG, foi a quenda dos representantes da corporación municipal da capital de Galicia. Desde a delegación de Ourense, coa participación dos membros da corporación da Deputación Provincial. Desde a delegación de Lugo, o debate xirou arredor do balance do San Froilán e nel interviron axentes sociais e do sector, neste caso non houbo protagonistas políticos. En Pontevedra, desde a Casa da Luz, tivo lugar o debate cos integrantes da Deputación Provincial, e na Coruña, desde a delegación da CRTVG, o debate dos membros da corporación municipal.

Os cinco espazos emitíronse simultaneamente e en directo entre as 13.30 e as 13.55 h. a través das desconexións locais da Radio Galega. É a primeira vez que se aplica esta fórmula, que serviu non só para dar voz a todas as opinións de forma máis local, senón tamén para xerar contido propio que máis tarde é utilizado nos servizos informativos da RG.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar