Ourense:Vinte parellas disputan en Oira este domingo o “Master Internacional Volei Praia”

Oito parellas femininas e once masculinas procedentes de Galicia e de Portugal disputan, este domingo 2 de setembro nas instalacións de Oira, o I Master Internacional de Volei Praia -Torneo Mercedes Benz Garza. O campionato, puntuable para o ránking nacional, pecha o circuíto de torneos Sousas Oira-Praia que se desenvolveron ao longo deste este verán, e está organizado polo Club Volei Praia Milenio en colaboración do Concello -a través do Consello Municipal de Deportes- e da Deputación Provincial.

Na presentación en rolda de prensa, o alcalde de Ourense destacou “a aposta por este deporte con novas infraestruturas coma as de Oira, unhas pistas que xa se están a singularizar e converter en referente do volei praia galego e nacional grazas á calidade das instalacións e a exquisita organización dos torneos ata agora acollidos”, dixo. Así mesmo, quixo romper unha lanza a favor do alto nivel competitivo que amosan as participantes femininas en todas as competicións, de diferentes modalidades deportivas, que se están a celebrar na nosa cidade.

O nivel da infraestrutura para a práctica do volei praia centrou a intervención de Patricia González, presidenta do club organizador, quen puxo en valor as instalacións “logo de viaxar por toda España en campionatos nacionais”. González, que tamén participará no torneo, incidiu tamén no alto nivel das parellas que se presentaron ao Máster Internacional, polo que adiantou que a competición será moi atractiva para o público.

Á rolda de prensa acudiron tamén o concelleiro de Deportes, Mario Guede, acompañado polo representante deportivo da Deputación de Ourense, Bernardino González. Xunto a eles, Santiago Garza, en calidade de patrocinador principal do Torneo Mercedes Benz Garza.
A asistencia aos partidos é libre e gratuíta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar