“Premio Ourensanía 2018” na Arxentina e Uruguai

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou dispoñer de tódalas actuacións precisas para facer entrega do “Premio Ourensanía 2018” en Arxentina e Uruguai, coincidindo coa festividade de San Martiño, o vindeiro 11 de novembro, atendendo así á petición das entidades galardoadas. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao martes 21 de agosto de 2018.

O pasado día 8 de agosto, o xurado do Premio Ourensanía ditaminou conceder o galardón desta edición ao Centro do Partido do Carballiño en Bos Aires –que cumprirá no mes de novembro deste ano o seu centenario- e ao Centro Ourensano de Montevideo -aberto ininterrompidamente desde hai 72 anos- por promover “a ourensanía na colectividade galega de ambos países”.

E, aínda que estaba previsto que a entrega do galardón tivera lugar o 11 de novembro, no Teatro Principal como sucede tradicionalmente, nesta ocasión, tendo en conta que os máximos representantes de ámbalas dúas entidades premiadas solicitaron que a entrega do galardón tivera lugar diante dos seus asociados nos países que acolleron a súa actividade durante décadas, a Xunta de Goberno aprobou esta mañá levar a cabo tódalas accións necesarias para que nesta edición o “Premio Ourensanía” se entregue en Arxentina e Uruguai e que, ademais, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense estea presente nos actos que se desenvolvan.

Cooperación

En materia de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou un total de 226.400 euros en axudas a entidades e concellos da provincia de Ourense para temas de Cultura, Benestar, Medio Ambiente e Infraestruturas. En concreto, na reunión aprobouse unha axuda de 70.000 euros para o Concello de Xunqueira de Ambía destinada a proxectos de emerxencia social. Para o Concello da Pobra de Trives, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 26.429 euros para a adquisición dunha rozadora, mentres que para o Concello de Larouco, aprobou unha axuda de 15.000 euros destinada á redacción dun proxecto de abastecemento. Para o Concello da Gudiña aprobouse unha axuda de 15.000 euros para os gastos de funcionamento da Casa da Viúva correspondentes ao ano 2018.

Asemade, dúas das axudas aprobadas durante a reunión foron para o Concello de Cenlle, unha por importe de 32.973 euros para as obras de drenaxe e muros en Cuñas e Cimadevila, e outra de 29.000 euros para o arranxo do campo de fútbol de Barbantes. Así mesmo, para o Concello de Bande aprobáronse dúas axudas, unha delas para a reforma e mellora da iluminación na Granxa e Pazos por un importe que ascende aos 14.999 euros, e a outra de 16.999 euros para o acondicionamento do núcleo rural de Vilela.

No relativo á cooperación coas entidades, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 6.000 euros para a Asociación Cultural Coelerni, destinada aos traxes da obra teatral da Paisón de Semana Santa. E, por outra parte, tendo en conta que o día 1 de xuño de 2018, a Xunta de Goberno aprobaba conceder a Sarabela S.L. unha axuda de 20.000 euros e dado que a entidade solicita un anticipo desa axuda, na reunión aprobouse o pago anticipado de 10.000 euros a Sarabela S.L. para a celebración do FITO 2018.

Resolucións

Por último, en materia deportiva, a Xunta de Goberno aprobou a resolución da convocatoria de axudas a clubs deportivos de Ourense para o ano 2018, pola cal a Deputación de Ourense concede un total de 408.015 euros en axudas a máis de 100 entidades de diferentes disciplinas deportivas. E, tamén, aprobou a resolución da convocatoria de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos no 2018, correspondente ao primeiro período da convocatoria, de tal modo que a institución provincial aproba destinar un total de 49.925 euros para 36 eventos deportivos de distinta índole.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar