TVG acadou o liderado absoluto a pasada fín de semana

Televisión de Galicia acadou o liderado absoluto esta fin de semana pasada. Foi a canle favorita dos galegos, tanto no conxunto do día coma no ‘prime time’, amais tamén de superar as restantes canles autonómicas en ambas as dúas faixas. Entre o sábado e o domingo, a Galega contou cunha cota media de 12,5% no ‘total día’, cifra que ascendeu a un 16,5% no acumulado da faixa nocturna, superando en 1,8 e en 4,3 puntos, respectivamente, a seguinte canle, Tele5.

Con relación ás canles autonómicas que forman parte de FORTA, a TVG situouse 4 puntos por riba da televisión máis próxima, ATV (8,5%), no conxunto do día; mentres que a distancia foi aínda superior, de 5,8 puntos, respecto á cota da faixa do ‘prime time’ obtida por TV3 (10,7%).

O sábado, o liderado foi rotundo no conxunto do día, cun 13,1% de ‘share’, e na faixa máis importante da xornada ou ‘prime time’, cunha cota de 17,7%, no ámbito galego e entre as canles autonómicas. O domingo repetiuse a mesma situación e rexistrou un 12% e un 15,2% de cota de pantalla, en correspondentes faixas.

Nesta análise das audiencias, cómpre salientar que a TVG foi a canle elixida polos galegos para estar ao tanto da actualidade e para entreterse. En total, seis programas da Galega encabezaron a listaxe dos espazos de maior audiencia en Galicia durante a fin de semana, sendo o “Telexornal Serán 21.00”, cunha cota de 21%, a emisión máis vista do sábado, seguida polo “Bamboleo” (16,7%) e polo “Telexornal Mediodía 14.30” (15,7%). O domingo encabezou a clasificación o “Vaia Troula” (18,2%), programa que acadou o minuto de ouro da xornada en Galicia, ás 23.15 h., cunha cota de 22,7%. O “Telexornal Mediodía 14.30” (17,6%) e o “Aquí Hai Praia” (14,4%) completan o ranking dos programas co maior seguimento da xornada.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar