Tellado: “Trala sucesión de Rajoy, o PP está listo para a sucesión de Pedro Sánchez”

O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, valorou a primeira reunión do Comité Executivo Nacional do Partido celebrado onte en Barcelona, o primeiro trala elección de Pablo Casado como novo presidente nacional do partido. “Hai seis días que pechamos a sucesión a Mariano Rajoy no PP e agora estaremos preparados para pechar a sucesión de Pedro Sánchez na presidencia do Goberno”, sinalou Tellado, para insistir na idea de que “hoxe o Partido Popular está máis forte en Galicia, porque volvemos confirmar que temos un líder que prefire cumprir a palabra dada ante os galegos a ser candidato á presidencia do Goberno”.

ellado fondou na idea de que a organización está máis forte en España, “porque conseguimos rearmarnos nun tempo récord logo da moción de censura que levou aos socialistas á Moncloa co apoio de Podemos e dos independentistas”.

O número dous dos populares galegos cualificou o equipo presentado por Pablo Casado en Barcelona de “renovado, contrastado e ponderado”, subliñando o relevo xeracional que supón, a experiencia que albergan os seus membros e a integración das diferentes sensibilidades e equipos que concorreron ao Congreso.

Sobre a presenza galega na nova dirección, Tellado destacou que Galicia estará moi ben representada cunha vicesecretaría fundamental como é a de Comunicación, da que se fará cargo a deputada nacional Marta González; así como coa secretaría executiva Territorial para Diego Calvo e a de Emigración para Ana Belén Vázquez. “Son áreas nas que Galicia ten moito que dicir, como referente autonómico do partido e como territorio moi vinculado ás migracións, antes como emigrante e agora como acolledor de retornados”, apuntou. Ademais, lembrou tamén a presenza de Alfonso Rueda como membro electo do Comité Executivo Nacional, así coma Alberto Núñez Feijóo, Ana Pastor e Diego Gago como membros natos.

Do mesmo xeito, os populares galegos trasladan o agradecemento ao portavoz saínte no Senado, José Manuel Barreiro, polo seu incansable traballo en defensa dos intereses de Lugo e de Galicia durante os anos que exerceu a máxima responsabilidade no grupo da Cámara Alta.

PODEMOS E O AVE

O secretario xeral tamén se quixo referir á iniciativa presentada por Podemos no Congreso dos Deputados esta semana na que pedía ao ministerio de Fomento que paralice as obras do AVE, sen que aínda estean rematadas en Galicia. Tellado lembrou que esta foi a mesma postura que tomou no seu día o independentismo catalán e hai pouco tempo Ciudadanos e ironizou con que “as Mareas están máis divididas ca nunca, xa nin falan entre elas e non van xuntas nin ás manifestacións do 25 de xullo, así que estarán buscando novos socios paras as próximas citas electorais”.

Neste mesmo sentido lamentou que “os populismos de esquerdas e de dereitas sempre poden chegar a tocarse, e neste caso uníronse no desprezo a Galicia e aos galegos, aos que queren condenar a unhas infraestruturas de segunda”. Do mesmo xeito, pediu en nome dos populares galegos que “Luis Villares, Carmen Santos, Martiño Noriega, ou quen sexa que mande algo nas Mareas de Podemos, saia ao paso desta petición do seu grupo. Tanto para desmentir aos seus deputados ou para que lle digan ás claras aos galegos que non queren que o AVE chegue a Galicia”.

Para concluír, quixo deixar claro que “non consentiremos que haxa partidos que queiran castigar a Galicia porque os galegos non confíen neles: chámense Partido Socialista, chámense Mareas de Podemos ou chámense Ciudadanos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar