CRTVG e AMTEGA impulsarán a modernización e innovación tecnolóxica nos colexios

A Corporación de Radio Televisión de Galicia e AMTEGA, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, asinaron o convenio para levar a cabo accións conxuntas de innovación tecnolóxica dirixidas aos centros de ensino. Este acordo foi rubricado na sede da CRTVG polo director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, e a directora de Amtega, Mar Pereira Álvarez.

Segundo este convenio, a CRTVG e AMTEGA impulsarán a modernización e innovación tecnolóxica nos colexios de educación primaria e secundaria a través da creación dunha plataforma dixital para contidos interactivos. Con este fin desenvolverase a tecnoloxía necesaria para incorporar novidades como as segundas pantallas, creando contidos específicos baseados na realidade aumentada, realidade virtual para dispositivos móbiles, etc.

As dúas institucións públicas levarán a cabo tamén un segundo proxecto de análise de datos, que procese os comportamentos e necesidades da audiencia para a posterior creación de canles multimedia audiovisuais que satisfagan as súas demandas, a través da análise de Big Data.

Deste xeito, esta nova canle dixital, transmedia e interactiva permitiralles aos docentes e aos estudantes obter recursos audiovisuais baixo demanda, en función dos diferentes contidos das materias que se imparten na formación entre 6 e 16 anos. Os dispositivos móbiles serán empregados, fundamentalmente, como visualizadores avanzados de contidos multimedia, que lles permitan aos estudantes e ao profesorado unha ampliación de información e de entretemento sobre os obxectos de estudo.

Este acordo, cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Feder Galicia 2014-20, terá unha vixencia de catro anos, prorrogables, en que as dúas institucións públicas, CRTVG e AMTEGA, desenvolverán tanto a plataforma tecnolóxica precisa para o seu funcionamento coma os contidos que se publiquen nela. O orzamento destinado será de 2.430.000 euros ata o 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 de euros, cofinanciados nun 80% con Fondos Feder, e CRTVG aportará 650.000 euros ao acordo.

Esta acción encádrase, na CRTVG, dentro da Área de Innovación e Negocio e enlaza co territorio de comunicación da Corporación con vistas ao novo contexto dixital, coa estratexia de ampliar canles de comunicación cos sectores de audiencia máis novos e os novos hábitos de consumo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar