“Os da lexía”, e Alfonso de Guitiriz

        Esta fin de semana celébranse as festas patronais de Santa Mariña, en Guitiriz, co habitual programa dunha festa popular, no rural, onde se conxugan a música e o baile coa celebración relixiosa e a exaltación da gastronomía. Pero inmediatamente antes da festa popular vai ter lugar un acontecemento histórico, no que se vai honrar a catro persoas que merecen xustiza.

         Alfonso Blanco Torrado tiña escoitado historias arrepiantes do que aconteceu no 1936 en terras de Guitiriz, onde os asesinos coruñeses viñan executar as súas vítimas de esquerda, coidando que ao ser territorio fronteirizo, lonxe da Coruña, os mortos que eles mataban ían ser soterrados en foxas comúns, serían esquecidos, e nunca mais ían ver a luz.

         Os mortos coruñeses de Santa Mariña seguen soterrados, pero sábese que alí foron detidos o ano 36 tres irmáns coruñeses que traballaban nunha fábrica de lexivia, e pasaron á historia co nome de “Os da lexía”, que logo foron executados na Coruña polas súas ideas de esquerda e a súa oposición á rebelión militar.

         Alfonso Blanco levaba varios anos teimando erguer un monolito en lembranza de “Os da lexía” no alto de Santa Mariña, de xeito que se contemplase desde a Autovía A6, e fose homenaxe permanente aos loitadores pola liberdade. Pois chegou o momento, agora que Alfonso –por importantes problemas de saúde- está parcialmente retirado do seu intenso labor cultural, xa que a Asociación cultural Xermolos e un grupo de amigos de Alfonso retomou a iniciativa levando adiante o proxecto pero de maneira que o monumento a “Os da Lexía”, sexa tamén unha homenaxe a Alfonso Blanco Torrado.

         Un monolito de ferro, pirámide trianguar de seis metros de alto, obra do escutor lucense Valdi –Xosé Val Díaz- será descuberto este domingo para que quede constancia pública permanente de que ningún feito criminal pode quedar impune, e que sempre é posible facer xustiza, ainda que tarde moito tempo. O domingo farase xustiza tardía aos tres irmáns “da Lexía”, e Alfonso Blanco recibirá testemuña de agradecemento polo seu traballo e dedicación de toda unha vida á cultura da Terra Cha; de loita pola dignidade dos chairegos, pola memoria dos devanceiros;por ser home xusto loitando por facer sempre xustiza.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar