A Deputación de Ourense asina 10 contratos con 7 concellos da provincia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou no centro cultural “Marcos Valcárcel” con alcaldes de sete concellos da provincia de Ourense un total de 10 convenios de colaboración entre a institución provincial e os municipios de Avión, Barbadás, Cortegada, Esgos, Monterrei, Paderne de Allariz e Quintela de Leirado, para realizar obras de construción de edificios, melloras viarias e de alumeado público, abastecemento, dotación de servizos e outras infraestruturas, todas elas por un importe total de preto dun millón de euros (964.150 €).

No acto, o presidente do goberno provincial afirmou que se trata de “peticións razoadas e necesarias, que propoñen os concellos á Deputación, melloras para os seus municipios no ámbito dos equipamentos deportivos e socio-comunitarios, das melloras en vías que comunican núcleos de poboación, e obras de iluminación e saneamento”. Manuel Baltar expresou que se trata de “infraestruturas básicas para os concellos, e aí está a Deputación de Ourense financiando en case todos os casos estas actuacións ao cen por cen, unhas obras que suporán unha mellora competitiva na calidade de vida dos cidadáns, co apoio da Deputación, a única administración que inviste en todos os concellos da provincia”.

Os convenios hoxe asinados contemplan as seguintes obras e investimentos: para o concello de Avión, 48.000 euros para obras na estrada Cortegazas; para Barbadás, un total de 218.000 euros para a execución da obra de substitución do céspede sintético do campo de fútbol dos Carrís da Valenzá; para Cortegada, 200.000 euros para a execución da obra do campo de fútbol e 48.000 euros para unha actuación na área termal; para o concello de Esgos, 124.000 euros para a construción do velorio municipal; para Monterrei 40.000 euros para melloras da captación de auga en Albarellos, 48.000 euros para a mellora da iluminación pública en Vilaza, e 40.000 euros para a mellora da captación de auga en Vilaza; para o concello de Paderne de Allariz 55.000 euros para a captación de auga en Canteira Rioseco; e finalmente en Quintela de Leirado 143.150 euros para a construción do edificio multiusos municipal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar