Cambio climático: Dous colexios de Valdeorras, galardoados pola Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense conmemorou o Día Mundial do Medio Ambiente coa entrega dos premios do concurso escolar 2018, que baixo o lema “Que efectos ten o cambio climático no teu municipio?”, organizou o goberno provincial para sensibilizar á poboación infantil sobre a necesidade de protexer e preservar o medio ambiente, e promover actividades divulgativas sobre o cambio climático. O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, foi o encargado de entregar os galardóns deste certame no Teatro Principal a dous colexios do municipio do Barco de Valdeorras.

Rosendo Fernández destacou que a Deputación de Ourense, sensible ás cuestións do medio ambiente, conmemora esta data “reunindo aos escolares para falar dun dos bens máis prezados da Terra” e felicitou aos colexios participantes por participar nesta iniciativa. O certame, que recoñece dúas categorías de premios, galardoou ao CEIP Divina Pastora e ao CEIP Condesa de Fenosa, como mellores colexios participantes, concedendo a cada un deles 500 euros, para empregar en material escolar, mentres que o premio á Mellor obra de teatro, recaeu no CEIP Condesa de Fenosa, polo que a clase gañadora gozará dun día completo na Estación de Montaña de Manzaneda desenvolvendo actividades deportivas e de lecer.

Ao evento asistiron preto de cen alumnos acompañados polos seus profesores, xunto con persoal técnico e institucional da Deputación de Ourense e de AquaOurense. Na xornada representáronse as dúas obras de teatro premiadas tralo acto institucional de apertura do Concurso Escolar a cargo do deputado de Cooperación, Pablo Pérez.

No concurso participaron nenos de 6 a 8 anos cunha presentación dunha obra de teatro sobre o cambio climático e o desenvolvemento local sostible, cunha duración de entre 15 e 20 minutos. O certame estivo dirixido aos alumnos dos colexios localizados en concellos integrados na Rede de municipios ourensáns cara a sostibilidade: A Gudiña, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Baltar, Trasmiras, Sarreaus, Xinzo de Limia, Porqueira, Sandiás, Rairiz de Veiga, Verea, A Bola, Celanova, Ramirás, Quintela de Leirado, Gomesende, Pontedeva, Cartelle e A Merca. Xira en torno á problemática ligada ao cambio climático e á importancia de lograr un desenvolvemento local sostible: vagas de calor, quecemento global, secas, redución dos cultivos, inundacións, eficiencia enerxética, mobilidade, perda de biodiversidade, incendios e contaminación dos ríos, preguntándolle aos escolares: “Cales destes efectos estanse a dar no teu municipio?”, e “tes algunha idea para evitalos?”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar