Abanca Semana Verde:As razas galegas escolleron os mellores exemplares

 A 41ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que se celebra ata o domingo, foi o marco de celebración de sete concursos morfolóxicos das razas autóctonas en perigo de extinción, organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel).

En canto aos concursos das razas bovinas, no II Morfolóxico da Raza Frieiresa, a gañadora foi Finlandia, pertencente á gandería Armental, de Begonte (Lugo), sendo o segundo posto para Valencia, propiedade de Alberto Cortés González, de Xunqueira de Espadanedo (Ourense), e o terceiro para Fiaña, de Francisco Manuel Penabad Pita, de Ortigueira (A Coruña).

Pola súa banda, no IV Concurso Morfolóxico da Raza Limiá, a vencedora foi Laga, propiedade de Lisardo López Blanco, de Baltar (Ourense). O segundo lugar acadouno Rubia, de Jesús Pardal Catro, de Rois (A Coruña) e o terceiro Cuka, de Gandería Balín, de Verea (Ourense). No V da Raza Caldelá o podium estivo composto por Cepada, de Juan Manuel Lage Cid, de Maceda (Ourense), Calceta, de Roberto Louzán Alonso, de Cotobade (Pontevedra) e Centea, de José González Carballo, tamén de Maceda.

En canto ao  VI da raza Vianesa  o primeiro posto recaeu en Pala II, de Ganadería Cimadevila, de Montederramo (Ourense), mentres que a segunda posición foi para Vitorina, de Ganadería Martelo, de Outes (A Coruña) e a terceira para Duña, de Fernando Bouzas Bentín, de Rois (A Coruña). No VII Concurso Morfolóxico da Cachena  Solfa, de Ganadería Tras do Río, de Ortigueira, foi a campioa, seguida de Vanesa, de José Antonio Calvo Paredes, de Curtis (A Coruña) e de Carriza, propiedade de Gonzalo Seoane Prado, de Vilalba (Lugo).

En canto ao 5º Campionato Galego da Galiña de Mos, na súa sección por lotes, venceu un pertencente a María Grille Negreira, de Val do Dubra (A Coruña), sendo o segundo un de José Zapata Sánchez, de Castro de Rei (Lugo)  e o terceiro un de Alejandro Collazo Casal, de Mos (Pontevedra).

Na de galos o gañador foi un exemplar de Javier Riqueza Lois, de Pontevedra, seguido de un pertencente a José Luis Freire Castedo, de Pol (Lugo), e de un de Cruz Lucía Grille Negreira, de Tordoia (A Coruña). En canto a galiñas, o podium estivo composto por exemplares de Loures Mullet Abeledo, de Lalín (Pontevedra), de Javier Riqueza Lois, e de Francisco José Monasterio Solveira, de Vilalba (Lugo). No Concurso Galiña con Poliños, os vencedores escolleranse por votación popular de todos os asistentes á feira que queiran emitir o seu voto, coñecéndose o resultado o domingo.

Nestes concursos, que se enmarca no convenio entre a consellería do Medio Rural e a Fundación Semana Verde de Galicia para a promoción destas razas e que conta co apoio do Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural), participaron 20 ganderías nos concursos das razas bovinas e 27 criadores no campionato da Galiña de Mos.

 

PORCO CELTA

 

En canto ao II Concurso Morfolóxico do Porco Celta, organizado por Asoporcel, na categoría de machos venceu un porco de Carmen Novío Tuña, de Outes (A Coruña), tras o cal conseguiron galardón un de José Barreira Alonso de Cospeito (Lugo) e outro de José Zapata Sánchez, de Castro de Rei (Lugo). En femias as tres primeiras clasificadas foron exemplares de Manuel Rouco Villares, de Vilalba, de José Pega Eiras, de Castro de Rei; e de Maricarmen Jacobo Varela, de Agolada (Pontevedra).

En canto a recría, categoría que se incluíu nesta edición, o primeiro e o segundo clasificados foron exemplares de Isabel Rodríguez Hermida, de Lalín (Pontevedra), sendo o terceiro un de José Barreira Alonso.

A este morfolóxico concorreron 56 exemplares pertencentes a 23 ganderías das catro provincias galegas.

Por outra banda, o certame conta con exposición de todas as razas, as bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa, o Porco Celta, a Cabra e Ovella Galegas, o Cabalo de Pura Raza Galega e tamén a Galiña de Mos.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar