TVG: A presidenta do Consello da Cultura Galega destaca a internacionalización de Galicia

 

Acceso a entrevista completa, AQUÍ

O programa Bos Días da TVG entrevistou a Rosario Álvarez Blanco, recentemente elixida Presidenta do Consello Da Cultura Galega.  Na entrevista con Marcos Sueiro, remarcou os retos e obxectivos da cultura e lingua galega para os  vindeiros anos e fixo un repaso pola realidade social e cultural de Galicia.

Álvarez Blanco, primeira muller que preside o Consello da Cultura, manifestou que ía manter unha liña de continuidade con respecto da presidencia de Ramón Villares, aínda que “asumindo novos retos”. Entre os labores que desenvolve o Consello, explicou que “ten que asesorar os gobernos, analizar as deficiencias para deseñar políticas  públicas e ocuparse da conservación do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia”. Con respecto dos seus proxectos inmediatos, mencionou que levará a cabo “unha presidencia moi participativa, onde todos se sintan representados”. Así mesmo, apuntou que entre os seus retos principais estaban a “internacionalización da cultura galega” e unha acción exterior máis eficaz, que se poida difundir por redes e vía dixital.

A catedrática de Filoloxía galega resaltou que a crise supuxera un decrecemento do investimento en cultura no noso país e que “os órganos están moi limitados pola precariedade”.  Malia todo, sinalou algunhas das fortalezas da cultura galega, entre as que destacou o noso afecto pola lingua e a forza humana da mocidade, da que dixo que, coma no último medio século, “tiña que ser correa de dinamización da nosa cultura”.  Ademais, recoñeceu a importancia de falar galego para comunicarse co mundo lusófono, posto que “pese a ser linguas diferentes, poder entenderse sen precisar formación con xente de todo o mundo é un privilexio”.

A presidenta do Consello remarcou durante a entrevista o Día das Letras Galegas,  e loou a figura de María Victoria Moreno. Álvarez Blanco mencionou que se converteu nunha noticia de primeira orde, “un día no que se implican concellos, escolas e particulares”.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar