Manuel Baltar, elixido en Bruxelas presidente de Partenalia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi elixido presidente de Partenalia, a asociación europea de gobernos provinciais integrada por autoridades locais intermedias de países de Europa. A elección, por unanimidade dos representantes de gobernos europeos de diferentes signos políticos, tivo lugar hoxe en Bruxelas, na reunión do Consello Político desta organización, celebrada na sede desta entidade na capital comunitaria, onde Baltar reivindicou “o protagonismo dos gobernos provinciais de Europa” e marcouse como prioridade no mandato que hoxe comeza “potenciar a participación cidadá na Unión Europea e coas administracións provinciais, promovendo unha maior interacción e información”.

Tamén destacou “a capacidade dos gobernos provinciais para xestionar directamente fondos europeos da Política de Cohesión, “porque deben terse en conta as singularidades dos nosos territorios”, dixo Baltar, nun momento de especial relevancia no que Europa está a analizar o novo horizonte de fondos europeos máis aló do ano 2020. “Defendemos unha política de cohesión que, como pretende a Alianza pola Cohesión, poña en marcha investimentos a longo prazo para que as rexións de Europa apoien o crecemento e o emprego no ámbito local”, expresou.

O presidente Baltar dixo que unha das iniciativas que impulsará en Partenalia será a “Guía de servizos”, “un instrumento que xa puxemos en marcha con éxito na Deputación de Ourense e que permitirá coñecer en detalle a que destinan cada euro do seu orzamento os gobernos locais intermedios, o que contribúe a mellorar a transparencia e a confianza da poboación nas súas administracións máis próximas”.

Manuel Baltar, quen agradeceu ao seu predecesor, Javier Moliner, “o exitoso labor desenvolvido á fronte de Partenalia nos últimos catro anos”, cualifica 2018 como “un ano decisivo para as políticas de asignación dos recursos financeiros europeos, algo de máxima importancia para os 500 millóns de europeos”. “Partenalia –engadiu Baltar- debe seguir potenciando o seu papel de lobby institucional enfocado á defensa dos gobernos locais intermedios, para o cal dirixiremos a nosa política de ampliación a países como Francia, Holanda, Alemaña e Polonia”.

Outro dos aspectos que seguirá promovendo Partenalia son as relacións institucionais con organismos da UE, pois como confirmou Manuel Baltar trala reunión que mantivo con Karl Heim Lambertz, presidente do Comité das Rexións, “ámbalas dúas entidades concordamos na importancia que ten a “Alianza pola Cohesión” para o desenvolvemento dos territorios de Europa, sendo a súa finalidade fortalecer as políticas de orzamentos que a Unión Europea destina ao ámbito local”.

Asemade, Manuel Baltar remarcou no seu discurso a “importancia fundamental” de levar a cabo “unha estratexia de comunicación dinámica, aliñada cos intereses dos cidadáns e as súas administracións provinciais”. “O traballo en rede, a celeridade na resposta ás propostas da cidadanía, e unha presenza online activa e proactiva aumentarán, segundo Manuel Baltar, a credibilidade, os niveis de confianza e reforzarán a posición de Partenalia como gran instrumento vertebrador da política territorial en Europa”.

Baltar defendeu o que considera “unha máxima” na política: “Que os nosos veciños, vivan onde vivan, teñan acceso ás mesmas oportunidades. Trátase de priorizar o discurso do territorio, e neste sentido Partenalia vén demostrando desde a súa creación que ese é o seu principal obxectivo e así debemos seguir avanzando, con políticas referidas a emprego, envellecemento, dispersión territorial, medio ambiente e integración transfronteiriza, para que as nosas xentes sigan crendo no desenvolvemento dos nosos territorios e na capacidade que teñen como lugares con singularidades competitivas para crecer e progresar social e economicamente”. Neste ámbito de potenciar o rural, Manuel Baltar defendeu que os gobernos provinciais “lideran a loita contra o despoboamento, con políticas e iniciativas que propician un maior desenvolvemento económico e calidade de vida para os cidadáns”.

 

“MOMENTO CRÍTICO E HISTÓRICO” NA UE

 

 

O novo presidente de Partenalia definiu como “crítico e histórico” o momento que está a vivir o proxecto de construción europea, tanto no ámbito político como económico, referíndose á recente presentación do proxecto de Orzamentos para o Marco Financieiro 2021-2027, “o que supón un punto de partida dunha negociación complexa para dar forma a unha Unión Europea de 27, logo da saída –en marzo de 2019- do Reino Unido. Un novo paradigma que nos obriga a un esforzo de encaixe dos nosos intereses nun conxunto que, sen perder cohesión e solidariedade, ha de ser mais eficiente e competitivo”, expresou Manuel Baltar.

Neste sentido, dixo que Partenalia representa unha plataforma colaborativa de entidades locais “que aportan á Unión Europea a singularidade do “enfoque intermedio”. Somos un bo leito para levar a cabo iniciativas entre rexións e concellos, laboratorios base idóneos para pór en marcha procectos piloto nos ámbitos estratéxicos europeos, pola proximidade das nosas administracións á realidade social. Achegamos o valor do “glocal”, pois temos visión global e aproximación local aos temas”. Por elo, destacou Baltar, “é imprescindible que ensanchemos fronteiras ampliando os membros da nosa organización, partindo das nosas relacións transfronteirizas con Portugal e Francia, e fortalecendo a presenza do Sur de Europa no contexto rexional e local, incorporando membros italianos, e no Centro e Norte de Europa contando con países como Alemaña, Polonia, Finlandia ou os países Bálticos”.

O segundo gran obxectivo que se marca Manuel Baltar no mandato que hoxe inicia é o incremento de proxectos, así como seu ratio de éxito na obtención de axudas, fondos europeos ou fórmulas de financiamento público-privada. “Debemos aliñar as nosas temáticas e sectores estratéxicos aos novos orzamentos europeos e, ademais de ter en conta as nosas peculiaridades, enforcarmos cara as políticas de “smartización” do territorio, as economías circular e social, e o I+D+i en toda a súa extensión –científica, industrial e social”.

Manuel Baltar rematou afirmando que debemos ser “axentes activos diante das institucións europeas: Comisión, Parlamento e o Comité das Rexións” e comprometeuse a desenvolver unha axenda de contactos “que fortaleza a influencia de Partenalia como ferramenta de construción europea, nacional, rexional e provincial, para que nosa voz se oia aínda máis en Bruxelas, porque estou convencido de que no novo horizonte europeo as nosas provincias serán, en grande medida, o que nós sexamos capaces de facer por nós mesmos”.

Na reunión de hoxe de Partenalia deuse conta tamén do informe de actividades de 2017, do balance político do período 2016-2018, e presentouse o orzamento e o plan de acción para o presente ano. Acompañan ao presidente Manuel Baltar no novo equipo directivo, Serge Hustachem presidente da provincia de Hainaut e Bartolomé Nofuentes, deputado de Valencia, ámbolos dous como vicepresidentes de Partenalia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar