O Concello de Ourense facilitará a devolución do imposto de plusvalías

O Concello de Ourense vai facilitar que as persoas que pagaron plusvalías poidan presentar unha reclamación para que lle sexa devolta, no caso que demostren que houbo un decrecemento patrimonial no ben afectado por este imposto. Así o confirmou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno Local ao explicar que “se vai poñer en marcha unha comunicación” para a “trasladar” aos cidadáns que compraron ou venderon inmobles nos últimos catro anos sobre a posibilidade de realizar esta reclamación.

Deste modo “Ourense se converterá no primeiro Concello dunha gran cidade que está a facer este tipo de chamamento”, insistiu o rexedor. “É unha mensaxe boa que queremos que se traslade a toda a sociedade por todos os medios, porque a xente ten que coñecer que ten esa posibilidade e vai ter que presentar a documentación que demostre que houbese un decrecemento e non tiña que pagar esa plusvalía”.

O rexedor referiuse a este asunto tras dar conta na rolda de prensa dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula os artigos 6º e 7º da Ordenanza Fiscal número 5 do Concello de Ourense sobre as plusvalías pero que sinalou xa non se estaba a aplicar tras unha sentenza do Tribunal Constitucional.

Jesús Vázquez recordou que por este motivo esta posibilidade se reducirá ás  persoas que pagaron este imposto dende finais de 2014 ate 2017, xa que na actualidade o Concello non estaba a cobrar as plusvalías. Tampouco quixo facer unha valoración do número de persoas beneficiadas porque, recordou,  terán que demostrar que houbo ese decrecemento no valor dos bens.

Por outra banda o alcalde informou de que na Xunta de Goberno Local se aprobaron outras 22 cuestións, entre as que destacou a aprobación da licenza de obra para rehabilitar dous inmobles na rúa Villar, por un importe de 427.77,05 euros.

Trátase dunha actuación que forma parte do Programa Rexurbe co que a Xunta traballa na recuperación de cascos históricos e que na nosa cidade suporá “a recuperación e posta a disposición dos ourensáns de 40 vivendas de protección por un investimento de máis de 7,6 millóns de euros”.

Ademais desta actuación, o rexedor recordou que na actualidade a través do Plan Rexurbe estanse a realizar obras no número un da rúa Villar; a rehabilitación das  fachadas dos números1-3-5 da mesma rúa e “proximamente concederase licenza para unha obra no número 14 da rúa Cervantes”.

O rexedor reivindicou que as actividades do Concello en colaboración coa Xunta para a rehabilitación do Casco Sur “non só inclúen a rehabilitación de edificios, senón a incorporación de novos elementos que axuden á dinamización” desta zona da cidade.

En concreto Jesús Vázquez referiuse ao proxecto autonómico para adquirir inmobles nesta zona para rehabilitalos e confirmou o esforzo do Concello por “adquirir partes de inmobles” coa intención de que entren neste proxecto e “se incremente o número de vivendas”.

Pero tamén salientou a aposta do Concello por “un proxecto completo por primeira vez para o Casco Sur” tratando de completar a dotación desta área con “novas infraestruturas” como o albergue de peregrinos “previsto para este verán” e “un plan de dinamización comercial”.

 

A xunta de goberno local abordou, ademais:

AVOGACÍA CONSISTORIAL

O Concello foi emprazado a acudir ao Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Ourense po un recurso dunha Comunidade de Propietarios da Rúa Sáenz Díez pola construción dun muro divisorio nun patio de luces.

Tamén deberá comparecer ante o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 por un procedemento  interposto por unha particular por unha rectificación de auto liquidación derivada do Imposto sobre o Incremento do Valor de Terreos de Natureza Urbana; así como por expediente de reposición da legalidade e ordena aos titulares dunha sala de baile situada na rúa Remedios a cesar a súa actividade.

Por último o Concello se persoará nas dilixencias xudiciais que se inicien pola detención de dous graffiteiros que realizaron pintadas en diversos edificios e monumentos da cidade.

 

LICENZAS

Aprobouse a instalación dun ascensor nun edificio da Praza da Estación; a demolición parcial dunha edificación en Regueiro Fozado; o parcelamento e reorganización dunhas fincas en Vilar de Astrés e dúas rehabilitacións.

 

APERTURAS

Aprobouse a concesión de catro licenzas: na rúa do Paseo para un comercio de zapatos e complementos; para unha cafetería no número 123 da rúa Progreso; para un café bar no número 14 da rúa Fornos e para a reforma dun local no número 2 da rúa San Paio–esquina Eulogio Gómez Franqueira, para a venda de comida preparada.

 

PATRIMONIO

Desestimouse a reclamación de responsabilidade presentada por unha particular por dunha caída na avda Alfonso Rodríguez Castelao.

 

CONTRATACIÓN

Aprobouse a adxudicación, mediante procedemento negociado, do servizo de mantemento e xestión de expedientes Cívidas do Concello de Ourense; así como a contratación de servizos postais coa Sociedad Estatal Correos y Telégrafos.

COMERCIO

Desestimouse o recurso de reposición interposto por TECNO FOOD CELTA S.L, titular do estabelecemento Bon Vivant no Parque de San Lázaro, contra o decreto que revoca a autorización para a colocación de tres veladores.

Tamén se desestimou o recurso de reposición interposto por Kissinger Baltic Corporation SL. contra o acordo da Xunta de Goberno Local do 28 de marzo de 2018 que requiría a Promociones de Alojamientos Ourensanos SA (Administrador Concursal), Jardín Japonés SL e a Kissinger Baltic Corporation SL., para que no prazo de 10 días desaloxen e entreguen os bens que integraban a concesión de La Pajarera e a terraza anexa do Xardín Xaponés.

 

Na área de CULTURA aprobáronse as bases da convocatoria do IX certame de Cinema OUFF Escola destinado a público de Educación Primaria e Secundaria de toda Galicia.

 

PERSOAL E RECURSOS HUMANOS

Desestimouse o recurso presentado por un funcionario do Concello que solicitaba que se lle recoñecese un grao persoal superior ao que ten consolidado.

 

XESTIÓN ECONÓMICA

Aprobouse o recoñecemento de 31 facturas correspondentes  a gastos de 2017 que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación no devandito exercicio por un importe total de 53.547,91 euros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar