A CRTVG transmitirá esta fín de semana os partidos finais de temporada

O deporte comeza na CRTVG este sábado co balonmán, concretamente, coa División de honra de prata. O encontro Cisne Los Sauces – Balonmán Nava emitirase pola tvG2 ás 19.00 horas. A continuación será o tempo para o piragüismo, coa clasificación para os Xogos Olímpicos da Xuventude.

O domingo terá ao fútbol como protagonista absoluto, coa derradeira xornada da liga de Segunda B. Os equipos galegos aínda teñen moito en xogo e a CRTVG emitirá o mellor do deporte rei. Ás 18.00 horas o Celta B xoga contra o Guijuelo un partido transcendental para tentar acadar os postos de ascenso.

Simultaneamente e a través da web poderase seguir o Rácing de Ferrol–Raio Majadahonda. E dende ás 18.00 horas e tamén pola web, os espectadores poderán gozar do carrusel de Segunda División B, que inclúe os encontros At de Madrid B–Pontevedra, Toledo-Fabril e Sanse-Coruxo.

Os mellores resumos do deporte galego poderanse ver nun “En Xogo” moi especial, posto que se entregará o primeiro premio TVG ao mellor equipo de Segunda B.

Xa fóra da fin de semana, este luns terá lugar a gala de entrega dos premios Deporte Galego 2017, onde os mellores deportistas da nosa comunidade recibirán un recoñecemento polas súas tempadas. A gala poderase seguir en directo pola web da CRTVG a partir das 19.00 horas.

Na RG, o final da 2ªB combínase cos encontros dos galegos na Primeira División

Este sábado desde Riazor, Javi Torres, César Méndez e Xosé Manuel Traba contarán a despedida do Deportivo ante a súa afección. O rival vai xogar en Europa a próxima temporada, o Vilarreal, polo que non parece un partido de trámite, malia o descenso do equipo galego. Logo chegará o Real Madrid-Celta no Santiago Bernabeu, onde estarán Pedro Pablo Alonso e Adrián Viéitez para retransmitir a emoción do xogo.

O domingo, ás doce menos cuarto, Andrés Vieites desprázase ata o estadio Reino de León, onde o Lugo celebra a permanencia ante un equipo que necesita os puntos para seguir na Segunda, a Cultural. Desde as catro, o equipo deportivo da Radio Galega fará un amplo despregamento en todos os partidos onde se deciden as competicións de Segunda B e Terceira, coa disputa da última xornada.

Na Segunda B, o Fabril xoga polo título en Toledo; o Bouzas ante o Navalcarnero e o Celta B fronte ao Guijuelo disputan o cuarto posto da fase de ascenso; e na pelexa pola permanencia tres conxuntos galegos xogan o futuro en noventa minutos: Atlético B-Pontevedra, Sanse – Coruxo e Rácing de Ferrol – Majadahonda. Na Terceira, mentres, falta por saber o cuarto equipo que disputará a fase, polo que a emoción pasa por dous encontros, o Bergantiños – Alondras e o Arousa-Noia.

Logo da xornada, adestradores, futbolistas e xornalistas debaten sobre os resultados e analizarán os posibles rivais nas fases de ascenso que comezan a próxima fin de semana.

 

 

PROGRAMA “EN XOGO”

 

A piques de rematar a temporada regular da Segunda B e antes de entrar na fase de ascenso o programa “En Xogo” entregará este domingo o primeiro Trofeo TVG correspondente á temporada 2017-2018.

O galardón distingue ao mellor equipo galego da Segunda B, pero non segundo a clasificación regular, senón tendo en conta os derbis disputados entre os equipos galegos ao longo de todo o ano. Deste xeito, o gañador desta primeira edición do Trofeo TVG foi o Celta B, que sumou un total de 20 puntos nos 12 derbis que xogou. O segundo clasificado foi o Fabril, e pechou o podio o Rápido de Bouzas. O capitán do filial celeste, Kevin Vázquez Comesaña, estará no “En Xogo” este domingo para recoller o premio.

Este Trofeo TVG pretende dar un valor engadido aos partidos de rivalidade galega, todos eles ofrecidos pola tvG2 durante a temporada, e reforza a aposta da canle pola Segunda División B.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar