Galicia expón na Feira do Libro de Bos Aires

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitaron o expositor de Galicia na 44ª Feira Internacional do Libro de Bos Aires (FILBA), onde mantiveron un encontro cos artistas que conforman a delegación galega nesta cita, como Luís González Tosar, Xabier Quiroga, María Lado, Deborah García Lado e Lucía Aldao.

Durante a visita o conselleiro salientou a FILBA como unha das meirandes citas do mundo neste eido e lembrou que Galicia conta historicamente cunha destacada presenza nesta feira, que foi especialmente salientable no ano 2016, cando Santiago de Compostela foi cidade convidada de honra da FILBA.

Este ano a representación galega repítese cun stand propio de 32 metros cadrados de superficie, no que a Xunta exhibe máis de cen novidades editoriais de autores, ás que se engaden diversas publicacións promovidas polo Goberno galego como o catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2018, coeditado coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, co apoio da Asociación Galega de Editoras. Así mesmo, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración tamén participa no stand con diferentes catálogos para dar a coñecer o traballo dos profesionais galego neste sector.

Tras a súa visita ao stand galego, o conselleiro mantivo un encontro de traballo co director da Fundación El Libro e da FILBA, Oche Califa.

Intensa actividade

Ata o próximo martes desenvolverá unha intensa actividade no FIL, que se iniciará esta tarde co relatorio Eduardo Blanco Amor en Bos Aires, 90 anos despois, impartida por Luís González Tosar. Ademais, o próximo domingo Xabier Quiroga abondará na pegada nazi en Galicia no seu camiño a Arxentina e o luns Deborah García Bello ofrecerá a conferencia A ciencia de entender a arte contemporánea.

Todos os relatorios desenvolveranse na sala Alejandro Pizarnik, mesmo espazo onde Aldolado ofrecerá dous espectáculos, baixo o título de Ninguén é poeta na súa terra.

As presentacións de libros desenvolveranse, como é habitual, no stand de Galicia. A próxima sermanao será a quenda de Todo é cuestión de Química, de Deborah García Bello; de Izan o da saca, de Xabier Quiroga; e de Amantes, de María Lado; mentres que o martes se presentará Que se lle van as vitaminas!, de Deborah García Bello.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar