Feijóo, no PP de Pontevedra:“É o partido preferido dos galegos porque ten corazón e cabeza”

Alberto Núñez Feijóo sinalou que o proxecto político do PPdeG é o que non só mellor conecta co sentir dos galegos, senón tamén “o máis eficaz para contribuír ao crecemento de Galicia e ao benestar das familias galegas”. Neste senso, referiuse a que a única esixencia para entrar a formar parte do Partido Popular de Galicia é ter gañas de traballar para facer unha Galicia mellor: “O único carné que importa á hora de gobernar é o de militante de Galicia, e ese permite dobre militancia. Por iso, pídovos que o levedes sempre xunto ao do PPdeG”.

Dixo que a política necesita da implicación de xente con ideas, talento e iniciativa; que escoite moito antes de falar; que pense máis no benestar dos outros que no seu propio; con vocación de liderado; con espírito reformista, pero que saiba apreciar todo o bo que ten Galicia. E é que tal e como indicou Feijóo, “a solución aos problemas da política non é desvincularse dela, senón comprometerse máis”.

O presidente dos populares galegos pediulles aos novos afiliados que, a pesar dos exemplos da antipolítica, non perdan a confianza nela. Así, dixo entender que pode desmotivar ver como practicar unha política radicalmente oposta ao do PPdeG parece ter o apoio da xente, que políticos que apostan todo á división, á confrontación constante e á crispación parecen gozar do favor popular. “Pero, máis tarde ou máis cedo, os cidadáns poñen a cada un no seu lugar”. Tal e como puxo de manifesto, só “a política útil e construtiva” ten potencial para ilusionar.

Do mesmo xeito, Feijóo destacou que esta é unha formación que non está pensando en afundir aos demais partidos, senón que pensa “en impulsar o benestar de todas as familias galegas”. “Somos un partido -engadiu- que ten o corazón, a cabeza e os pés ben plantados en Galicia. Por iso, somos o partido preferido polos galegos”. “Formar parte da familia do Partido Popular” supón formar parte dun “partido diverso, da costa e do interior, de mariñeiros, gandeiros ou profesionais liberais, da xente da aldea ou da cidade; e representar aos maiores e representar tamén aos máis novos”, finalizou o presidente.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar