Cerdeiras florecidas en abril

Árbores enraizadas na terra, con ramaxe e xermolos erguidos á luz, fonte elemental de subsistencia, materia prima pra construción, pro lume, pro acubillo… Representan a vida, a fertilidade, os froitos, a madurez, as sementes, a rexeneración, un e todos asociados ao bosque animado ou ao horto dos espíritos, das señas, das mouras, das xianas ou das compañas… eterno renacemento. En semellantes códigos panteístas, recurso tamén, Galiza é un universo e debera aproveitarse máis tanto legado cultural herdado.

Como a negrura pide o branco, a invernía clama pola primavera. As neves de febreiro dan paso ás flores de abril, fráxiles, efémeras e a dispor do soprar do vento. A primaveral floración sempre é un espectáculo natural que provoca os sentidos e velaí as peregrinacións ao Bierzo, a máis alá, ao Valle del Jerte e quen pode até se embarca ao Xapón. Espectáculo con color e música de fondo, aínda que non se vexa ou escoite, iso si, os sons ponos o estado de ánimo, a primaveral poesía que podamos levar na rebotica do corazón, a que por pudor calamos. Abril é a feira e a cerna da primavera, prefigura as colleitas vindeiras. O refraneiro deixa constancia.

No meu Carballiño a estrada de Ribadavia é tamén o camiño do cemiterio de Señorín, asociado a idas sen volta, quizais por iso difícil de urbanizar. Á altura da ponte do lugar de Carrás, había dúas altas e inaccesibles cerdeiras, as que efémeras anunciaban as catro estacións, metáfora da mesma vida: floridas nas primaveras e que coas cereixas roxas pregoaban o verán, despois o tempo de defuntos coas follas ouridouradas e pechando o ciclo coa invernía, espíndose entón. Imaxe que leva á novela de Gabriel Miró Las cerezas del cementerio: cereixas que por respecto ninguén tentaba comer.

Cerdeiras en abril, efémero espectáculo, estampa naif de vida entre ponlas floridas polas que tolean as bolboretas e o zoar das abellas ponlle un aquilo de tamboril e espreitante tensión, quizais por onde tampouco faltará o toliño, o teimudo contador de abellas mortas, pra saber se os ritmo naturais seguen sendo os mesmos ou si se ven afectados pola contaminación. Cerdeiras en tempo de cereixas concorridas e ameazada polos paxaros, polo merlo e o ouriolo que ben saben do seu abeiro.

As milagres da natureza na estación do amor poñerán enxoval, axudarán a seducir a quen aínda ten o tesouro de inxenuidade aldeán, pois acaen as rimas becquerianas, a eterna poesía. Cerdeiras en devalar, de cor verde, da esperanza, da xuventude e da ledicia… árbore branca que co sol ruboriza no irresistible roxo das cereixas, cálido, estimulante, da paixón, do amor, da fertilidade, tamén do sangue, da ira, da agresión, do lume, do inferno, o de aviso de perigo, semáforo, roxo da revolución. Sensibles ao devalar do tempo: florece antes de botar o roupaxe das follas, como indicando a nudez dos seres humanos á chegada ao mundo, para logo, coa primavera seren como noivas bordadas de branco e puntillas de flores pedunculares, despois ruborizadas en roxo e verdes de verán, finalmente, co outono envólvense en ouros, espidas na invernía…

Prunus avium, cerdeira, cereixeira, cereixal, cerdeira silvestre coas súas diferentes castes, por mor do tempo de maduración, polo tamaño, cor e sabor… Cereixas temporais, de onza, garrafais e moitas outras variedades, moitas delas, as nosas, en crise nos mercados da Galiza de hoxe. Castes de cerdeiras, neste confíns do mundo herdo do saber agrícola misioneiro do Val do Silencio na Gallaecia Asturicense.

Ás cerdeiras pónselle unha orixe neolítica, quizais en Anatolia, iso mesmo di no século I o xeógrafo trotamundos Plinio o Vello, que as da como procedente das ribeiras do Mar Negro, de Cerasus, hoxe Giresum… despois en variedades debidas aos xeitos de enxertar, espallados estes por milites gregos e romanos, con abundantes vestixios de carabuñas na arqueoloxía dos castros galaicos. Si ben e de xeito estraño é que non se deixe constancia delas nos textos bíblicos. Si sabemos que, no medievo e a través das cruzadas, foron levadas a Terra Santa. Desto das cerdeiras, da súa floración, fertilidade ou esterilidade saben moitos os chinos e os xaponeses do sol nacente, mestres na arte dos aloumiños, das esencias e das sentencias, dos haikus, para os que a cerdeira é o emblema nacional da dozura xuvenil, das geihsas, símbolo tamén dos guerreiros samurais, carne roxa e óso interior, cerna dura, semente merecedora de aloumiños… Árbore de porte elegante, alí corazón do xardín, con ramaxe como mans caídas sobre pontes de vidro, como cobertores, mantóns de flores e froitos, inspiración pra cancións e estampados de telas, paredes, celosías, mobles lacados e porcelanas finas. Beleza de balde e en estado puro. Tamén no Xapón a flor da cerdeira sakura é un símbolo de pureza, do bushi, isto é o ideal cabaleiresco, enfaixado en ancestrais fórmulas retóricas e reverencias. Flores de cerdeira, símbolos de felicidade, de amor, de primavera e coas que se fai unha exótica infusión de te con propiedades afrodisíacas e mellor aínda se se acompaña de simbólicas fantasías zen, laranxas da China e a Suzanne do montrealino Leonard Cohen ao oído. Cousas de eternas e inspiradoras primaveras.

E a efémera flor da cerdeira, en metamorfose de reverdescentes xogos esféricos, rematará sonroxada nos acios das cereixas. Colleitas a pares, enredadas as unhas coas outras. Delicia pros nenos, aqueles nenos de aldea que as papaban con carabuña incluída. Acae o conto da daquela de infantiña con sartego na catedral, dicían que morrera de soidades en esperas interminables polo seu amado en loita en terra de mouros… viñeron sisudos sabios, abriron o sartego e entre a mortalla e a osamenta do pube atoparon unha boa presa de carabuñas de cereixa… fendeuse a lenda, sóubose que a infantiña morrera en xuño dunha enchente de cereixas… cousa da vida que non pasou desapercibida a Castelao.

A cerdeira e as súas diferentes castas responden a un longo proceso de domesticación, a saberes agrícolas, de poda e enxerto especial, feito en tempo, en lúa e de xeito apropiado, será ao entrar o inverno, saberase usar a navalla, dar os cortes, vendar, cubrir con barro as feridas… para producir variedades respecto ao tempo de maduración, tamaño, acidez, carnosidade dos froitos, e que mesmo pode florecer pero non dar froitos. Iso de complementar a planta patrón, ben enraizada, con púas de cerdeira, ceibes de virus é saber agrícola que lle pode aportar á arbore particularidades de adaptación a lugares concretos, a conseguir froitos máis comerciais , resistentes a enfermidades… fundamentalmente xeito para propagar as súas especies. Sabe o agricultor que o oso, a semente da cerdeira non ten capacidade dabondo para reproducirse en determinadas circunstancias. Hoxe os viveiros dannos todo feito.

Cerdeiras, adorno da horta, de cotizadas cereixas, sol de sabor, guinda na augardente vella, árbore de madeira nobre pros mobles do pazo… Por algo tamén cantada po Manuel María, por Bouza- Brey, asociada coa auga, co sol, co merlo e a namorada… Nun feixe de cereixas galegas hai toda unha longa historia da cultura… e cultura é o que cultivamos e da vida.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar