Cómic xigante na Sede Afundación de Vigo

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta a exposición «A Arte no Cómic», producida por Fundación Telefónica, que se inaugurará o vindeiro xoves 26 de abril na Sede Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 26). Un total de 73 debuxantes e artistas da novena arte reinterpretan nesta mostra comisariada polo historiador Asier Mensuro as grandes obras da historia da pintura universal.

No marco deste proxecto expositivo, Afundación organizou unha completa programación de actividades paralelas que comeza esta semana coa instalación do Cómic xigante no espazo que albergará a mostra. Trátase dunha obra efémera que levantarán os ilustradores e debuxantes de cómic Begoña García-Alén (Pontevedra, 1989) e Andrés Magán (Vigo, 1989). O proceso de instalación da peza rematará para a inauguración prevista este xoves 26 de abril.

Os dous artistas crearán a obra directamente nas paredes da sala de exposición e nela interpretarán, en clave de cómic e ilustración, as obras Os valores personais e O imperio das luces do surrealista Renné Magritte. Así, en tres grandes muros que representan tres grandes páxinas e que ocupan 10 metros da sala, pintarán e colocarán debuxos e papeis que remitirán ás obras citadas.

A MOSTRA «A ARTE NO CÓMIC»

«A Arte no Cómic» estuda o modo en que o cómic se aproximou ao mundo da pintura e incide especialmente na actual corrente museográfica que avoga por un achegamento á novena arte como unha disciplina que debe estar presente na programación dos museos e grandes centros de arte. Así, no primeiro dos espazos desta exposición pódese observar a relación entre os grandes centros de arte e o cómic a través de obras da colección do Louvre, do Museo de Orsay, del Prado ou do Museo Thyssen-Bornemisza. Fundación Telefónica tamén se sumou a esta iniciativa encargando versións libres dalgunhas das mellores pezas do seu patrimonio artístico a ilustradores e autores de prestixio, que ofrecen a súa visión, entre outras, de obras de Pablo Picasso, Antoni Tàpies ou René Magritte.

O segundo ámbito da exposición está centrado no cómic desenvolvido por autores galegos, entre os que se atopan Brais Rodríguez e Miguelanxo Prado. Ademais, con motivo da mostra, Afundación encargou ao artista Jacobo Fernández Serrano unha historieta baseada nalgunhas das obras máis sobresaíntes da súa colección de arte, titulada Pikiblinder, e que pasou a formar parte da Colección de Arte Afundación.

Por último, a exposición recolle como as grandes obras da pintura aparecen no cómic. Trátase dun novo achegamento ao mundo da pintura, unha mirada persoal e unha homenaxe dos autores de bandas deseñadas que, conscientes da capacidade narrativa da novena arte, utilizan os seus recursos para mostrarnos o mundo da pintura dun modo distinto ao que habitualmente ofrecen críticos e teóricos da arte.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar