A Coruña: O Concello abre “Espazo Diverso”

A Concellería de Igualdade e Diversidade programa novas actividades de sensibilización e recoñecemento do coletivo LGTBQI. O Espazo Municipal das Diversidades Sexuais e Identidades de Xénero, situado no centro cívico da Cidade Vella, ofrece proxeccións, parladoiros e obradoiros abertos á cidadanía “coa finalidade de afondar na visibilidade das diversidades afectivo sexuais”, explica a concelleira Rocío Fraga.

Espazo Diverso, tal e como se coñece ao servizo de atención a persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, queer e intersexuais para o asesoramento e información en temas relativos ás diversidades afectivas e sexuais e á defensa dos seus dereitos, dá continuidade a unha serie de iniciativas “que vén desenvolvendo desde a súa posta en marcha e que referenda a aposta deste goberno por recoñecer as diversidades e favorecer a creación de espazos de seguridade para a integración da veciñanza”. “Este mesmo mes de abril, por exemplo, o Espazo impartiu, en colaboración coa Escola Universitaria de Enfermería da Coruña, unha nova edición do Obradoiro sobre Diversidades Sexuais e Identidades de Xéneroao alumnado de 1º de Grao de Enfermería, para achegar a profesionais do ámbito da saúde información e recursos actualizados sobre as realidades dos colectivos minorizados pola súa orientación ou identidade de xénero”, explica a concelleira.

Dentro da programación habitual do VideoforumLGTBQI do Espazo Diverso, proxectarase a película 1:54, que permitirá reflexionar ás persoas asistentes sobre o acoso escolar. O traballo aborda, a partir da revelación pública da orientación sexual do protagonista a través das redes socais, a angustia e o medo a ser estigma­tizado na contorna. Na seguinte semana, o 30 de abril a partires das 19.30 horas, o servizo da área de Igualdade abordará a realidade trans a partir dunha conversa e vídeo-debate co activista André Portela, do colectivo Amizando.

Xa no mes de maio, o luns 7, terá lugar unha sesión de curtametraxes na que se compartirán pezas que, dende diferentes narrativas e diversos formatos –videoclip, animación ou cinema, entre outros– reflexionan tanto sobre o acoso por causa de orientación sexual como por identidade de xénero. As proxeccións comezarán ás 19.00 horas.

Contra final de mes, o 30 de maio, celebrarase desde as 18.30 horas Aireando o armario, un  obradoiro de reflexión sobre as violencias en parellas LGTBQI. “Este obradoiro será un espazo dende o que reflexionar sobre o amor romántico e a súa relacións coas violencias que se dan no interior das parellas LGTBQI, presentando novos xeitos de amar e de crear vínculos a través do bo trato”, sinala Rocío Fraga. A metodoloxía deste obradoiro, didáctica, de experimentación e de análise crítica, “fomentará un ambiente de diálogo, de comunicación e de resolución de dúbidas e medos”, asevera a edil. Esta actividade, que é gratuíta –como todas as organizadas dende o Espazo Diverso–, conta con prazas limitadas, polo que se abrirá un período de inscrición dende mañá, 23 de abril, até o 11 de maio. A solicitude de participación poderase formalizar a través do teléfono 981.189.889 en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.

Novo contrato

Nas vindeiras semanas o Concello adxudicará o novo contrato do servizo, de dous anos prorrogables a outros dous, cun importe máximo de licitación de 86.000 euros. A nova licitación ampliará de forma considerable os recursos destinados ao Espazo Diverso, “que está a realizar un importante labor no que ten que ver co recoñecemento das diversidades afectivo sexuais”, apunta Fraga. Con este novo contrato, “que se adxudicará de xeito inminente” segundo avanza a edil, o goberno local consolidará o proxecto piloto posto en marcha polo área de Igualdade e Diversidade no mes de decembro de 2016, que naceu como resposta “a unha máis que necesaria demanda da veciñanza, logo de que fora invisibilizado polo anterior goberno local”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar