42 quilómetros de deporte na II Ruta Ciclista de BTT en Coles

O municipio de Coles acollerá o 22 de abril a II Ruta Ciclista de BTT, na que os participantes poderán gozar durante os máis de 42 quilómetros de percorrido da riqueza natural desta contorna ourensá. A presentación deste evento deportivo tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Coles, Manuel Rodríguez; e o representante do Club Ciclista “Anacrónicos”, Víctor Arias.

Rosendo Fernández destacou a importancia da cooperación “interinstitucional e público-privada, que permite que sexa máis doado lograr os obxectivos”, e salientou “o retorno económico que supón para a contorna o desenvolvemento deste tipo de probas que aglutinan deporte, aventura e natureza”.

A novidade deste ano é o Circuíto Ciclista Infantil, que se desenvolverá entre as 10.00 e ás 13.00 horas, para nenos de ata 12 anos, sendo a inscrición gratuíta. Os nenos que participen deberán ir con casco, xa que no circuíto haberá actividades sobre educación viaria. O alcalde de Coles agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense e explicou que a novidade deste ano contribuirá a que os máis pequenos “sexan futuros participantes da BTT”.

Os interesados en participar poderán anotarse ata o día 21 de abril, cun custe de 15 euros, a través da plataforma “Prueba-T”. “Ata o momento contamos con 180 inscritos, sendo o número máximo de participantes de 200”, apuntou Víctor Arias, afirmando que ademais do aspecto deportivo, esta actividade “permite recuperar camiños do municipio para despois realizar outro tipo de actividades”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar