O Colexio de Xornalistas condea as agresións de Vilanova de Arousa

Momento no que arrebata e destroza un teléfono móvil a unha xornalista.
 

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas manifesta “a súa máis enérxica condena” polos feitos producidos en Vilanova de Arousa, cando xornalistas acudían a realizar o seu traballo nas inmediacións dunha vivenda onde se producira un asalto con violencia. Membros da familia vítima do asalto agrediron a varios dos profesionais apostados nas inmediacións do chalet.

En concreto, tres familiares das vítimas do asalto increparon aos comunicadores reunidos arredor da vivenda, golpearon nas costas a un fotógrafo e tiraron ao chan o micrófono e o teléfono móbil dunha reporteira. A familia, con varios dos seus membros condeados por delitos de narcotráfico, culpou á prensa e á serie de televisión Fariña, baseada no libro homónimo de Nacho Carretero, da agresión que dous dos seus membros sufriran pola mañá.

Mesmo comprendendo a situación de tensión na que podían estar os familiares dos agredidos, o Colexio de Xornalistas non pode senón condenar estes lamentábeis actos, que representan un ataque máis aos xornalistas no desempeño do seu labor. Cómpre lembrar que a lei establece o dereito á información prevalece sobre o dereito á imaxe cando esta se capta con fins informativos e sobre un suceso de actualidade. Alén diso, a estratexia de culpar aos informadores do asalto producido, non é máis do que un xeito de “atacar ao mensaxeiro” que atenta contra a liberdade de información.

Por estes motivos, a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas solidarízase cos profesionais agredidos e lembra que para a necesaria convivencia entre o dereito á información e o dereito á imaxe é imprescindíbel un escenario libre de violencia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar