Lugo O Concello achega a música do Mundo a 10 mil cativos

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez e o Director da Escola Municipal de Música, Carlos Méndez, presentaron este xoves, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a sexta edición dos Concertos Didácticos da Banda e a Escola Municipal de Música que terán lugar en diferentes centros educativos lucenses e no Hospital de Calde, a partir do próximo martes.

Tal e como explicou Núñez, trátase dunha programación de 23 concertos didácticos dirixidos a preto de 10.000 nenos e nenas entre 6 a 12 anos coa finalidade de que coñezan os instrumentos e os seus sons dunha maneira más próxima e lúdica, ao longo dos meses de abril, maio e xuño. O edil agarda que a iniciativa repita un ano máis o éxito de cursos anteriores. Inclúese ademais o 13 e 14 de xuño concertos extraordinarios no Auditorio Municipal Gustavo Freire para colexios da contorna de Lugo. Como broche de ouro a esta programación infantil, o 14 de xuño ás 19:00 horas terá lugo un concerto gratuíto da Escola Municipal de Música no Auditorio Gustavo Freire.

No acto de presentación, Carmen Basadre puxo en valor esta programación, “que lle aporta aos nenos e nenas outro sentido e outra forma de percibir a música, así como de abrir a mente e os sentidos a través de diversos sons, que lles axudan a que sexan sociables, a disfrutar uns con outros e a coñecerse, sendo capaces de aumentar a capacidade de sensacións”.

Pola súa banda, Manuel Núñez explicou que “con este tipo de programacións tratamos de achegar a música aos nenos e nenas dunha maneira divertida e didáctica. Un ano máis continuamos apostando por proxectos educativos e culturais, coma este, que nas cinco edicións anteriores foi todo un éxito”.

Nesta ocasión o espectáculo A volta ao mundo en 80 notas, trata de amosarlle aos cativos e cativas pezas musicais de diferentes países a través dunha viaxe que comeza en Galicia. Preto dunha hora de actuación que fai protagonista a música doutros lugares a través de sons e decorados acordes. Carlos Méndez explicou que se trata dun conto musical, que narra a historia dun matrimonio, que un día tomando un café na Praza Maior, deciden facer un ha viaxe polo mundo adiante, saíndo do aeródromo de Rozas en avioneta e coñecendo un sinfín de países e lugares coas súas culturas. De Galicia pasa por Escocia, Inglaterra, Italia, Austira, Hungría, Rusia, Japón, Polo Norte, Estados Unidos, Caribe, México, Brasil, Arxentina, Polo Sur e África, regresando a España. Nos concertos soarán cancións tan coñecidas como a Muiñeira de Lugo, a banda sonora de Piratas do Caribe, o ritmo africano de Hakuna Matata ou o himno da alegría.

Centros  educativos participantes

Os colexios lucenses participantes nesta programación son: Illa Verde; A Ponte; Divino Maestro; Anexa; Colexio Plurilingüe Divina Pastora; Sagrado Corazón; Santa María; Albeiros; Colexio Plurilingüe PP. Franciscanos; La Milagrosa; Maristas La Inmaculada; Luis Pimentel; Virxe da Soidade; Casás; Rosalía de Castro; Colexio Plurilingüe San José; Fingoi nº2; As Mercedes; Menéndez Pelayo; Benigno Quiroga Ballesteros; Manuel Mallo Mallo, Salesianos e Paradai.

Os centros da provincia que acudirán aos concertos extraordinarios son: CEIP Plurilingüe A Pontenova; CEIP Plurilingüe Santo Estevo (Parga); CEIP Plurilingüe do Corgo; CEIP As Nogais; CEIP Laverde Ruiz (Outeiro de Rei); IES Gregorio Fernández (Sarria); CPI Tino Grandío (Guntín); CPI Uxío Novoneira (Pedrafita do Cebreiro) e CEIP Samos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar