Santiago:O Goberno municipal aproba a reparación da Ponte de Vidán

O Goberno municipal aprobou o proxecto de reparación e consolidación da Ponte de Vidán, orzamentado en case medio millón de euros, e cun prazo de execución de 5 meses. A infraestrutura sufrira importantes danos durante as obras de construción do colector xeral do río Sar.

O proxecto contempla a reparación dos muros de fábrica de pedra e dos muros de contención da ponte, a instalación dun novo taboleiro da ponte de estrutura mixta de aceiro e formigón, e a pavimentación do tramo. Tamén está previsto que se substitúan as conducións de abastecemento de auga próximas, e que se reparen a fonte e o lavadoiro existente na marxe esquerda da ponte. A actuación terá un tipo de licitación de 447.065 euros, IVE incluído.

Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobaron as bases da convocatoria dos Premios de Creación Literaria SELIC 2018. Estableceranse tres categorías para os galardóns, que terán unha dotación económica total de 6.000 euros. Por último, o Goberno acordou hoxe solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha subvención de 3.488,25 euros, para o programa Ler Conta Moito, que se desenvolverá nos Centros Cívicos de Vite, Fontiñas, Conxo e Santa Marta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar