Ourense: A Policía Local duplica o número de denuncias

A Policía Local de Ourense incrementou nun 216% as denuncias e expedientes abertos no primeiro trimestre deste ano en comparación co mesmo período do ano anterior. Estes datos saen dun informe presentado polo concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, Carlos Campos, na xunta de goberno local celebrada esta mañá, e que relata os distintos tipos de infraccións e denuncias levadas a cabo polo 092 en materia de tráfico e policía administrativa. “Observamos un incremento das denuncias instruídas por efectivos policiais, froito da intensificación no labor e traballo realizado no día a día por membros do corpo, das campañas preventivas levadas a cabo e ordes de servizo específicas en diferentes zonas do centro urbano”, explicaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa. “En concreto, pasamos de 1.337 denuncias no primeiro trimestre de 2017 a 2.885 no primeiro deste ano 2018”.

No apartado de presuntos delitos contra a seguridade viaria foron postos a disposición xudicial un total de 58 condutores. As denuncias administrativas por superar a taxa de alcol ascenden a 34, mentres que por conducir con presenza de drogas no organismos son un total de 98. En canto aos controis de velocidade establecidos en diferentes xornadas e horarios, rexístrase unha media de 1,22% de infraccións sobre os condutores controlados, que ascenderon a 23.772, “o que supón que o 98,78 % dos condutores si respectaron os límites de velocidade nos controis levados a efecto”, resumía Vázquez Abad. “A incorporación de máis horas diúrnas de vixilancia no novo horario, os novos mecanismos e ferramentas incorporados e a colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico”, dixo, “dá como resultado que se poidan anunciar hoxe estas cifras”.

O informe detalla, tamén, outra serie de infraccións ao resto de normativa e ordenanzas (81), denuncias á Lei Orgánica de Seguridade Cidadá (27) e as correspondentes actas de intervención de drogas e armas (3).

*Informe detallado no documento adxunto.

A xunta de goberno local abordou, ademais, 15 asuntos achegados polas diferetnes concellerías e servizos municipais:

Avogacía consistorial (6)- Deuse conta de dúas sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia: A primeira delas, favorable ao Concello, desestima o recurso de apelación interposto pola Federación Provincial de Asociaciones de Nais e Pais de Alumnos de Centros Públicos de Ourense contra a sentenza, favorable tamén ao Concello, do Xulgado Contencioso Administrativo. “O Concello reclamara a devolución dunha parte da subvención anual concedida a federación por non estar debidamente xustificada”, lembraba Vázquez Abad. Concedéramos unha subvención para comedores e actividades extra escolares, condicionada a que a federación xustificara debidamente o gasto. A federación xustificou 38.090,46 euros, mais non xustificou debidamente 28.485,75 euros. Motivo este polo que se reclamou a devolución. A Federación recorreu, o Contencioso fallou a prol do Concello, e agora o Superior de Xustiza ratifica a sentenza.

A segunda sentenza do TSXG está relacionada cun Policía Local, xubilado por invalidez, que desexa ter unha segunda actividade, e que xa lle fora desestimada en 2 ocasións polos xulgados. Neste caso, recorreu o acordo do Concello de incoación de expediente administrativo para a súa xubilación e a sentenza estima o recuso unicamente no sentido de que a resolución non teña efecto retroactivo, sen afectar ao fondo do asunto.

Ademais, houbo outras 3 sentenzas ditadas polos Xulgados do Contencioso Administrativo número 1 e 2 de Ourense relacionadas con sancións impostas polo Concello a varias empresas do grupo Unión Fenosa. O Concello impuxera sancións a 5 empresas deste grupo pola comisión dunha infracción grave tipificada no artigo 203 da Lei Xeral Tributaria en relación á taxa por aproveitamento especial dodominio público local por empresas explotadoras de servizos de subministracións de interese xeral. As empresas recorreron as sancións e agora os Xulgados do Contencioso avalan o proceder do Concello e estiman o seu recurso unicamente en canto ao importe da sanción. As sancións inicialmente impostas eran de 600.000 euros cada unha, e á espera das dúas sancións máis que están por chegar, o Concello de Ourense recorrerá a contía das mesmas, segundo anunciaba o alcalde.

Finalmente, o Concello foi emprazado para comparecer e persoarse en calidade de demandado ante o Xulgado do Social núm. 4 de Ourense, nos autos de Despido interposto por unha traballadora da empresa UTE EDAR Ourense.

Licenzas Urbanísticas (3). Concedéronse licenzas para o proxecto básico e de execución de instalación dun ascensor en Santa Cruz de Arrabaldo e para a intervención en muros nun soto situado na rúa Blanco Amor. Do mesmo xeito, tamén se lle concedeu licencia á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para proxecto básico e de execución para a adecuación de locais que servirán de sede da Policía Autonómica no antigo Pazo de Xustiza.

Planeamento Urbanístico (1). Aprobouse darlle cumprimento á execución dunha sentencia de 15 de abril de 2015, así como dun auto de 18 de outubro de 2017, o dereito a percibir 1.076.998,94 euros a un particular polas expropiacións área de reparto que hoxe ocupa o Centro de Saúde do Couto.

Contratación (3). Aprobamos a dispoñibilidade de 240.000 euros para mellorar a sinalización nas vías e estradas municipais nos vindeiros dous anos. Por unha banda, aprobouse o gasto derivado do contrato do servizo de sinalización vertical e pintura das vías dotermo municipal por 50.000 euros anuais, tanto en 2018 como no vindeiro ano 2019. Igualmente, tamén se aprobou o gasto para a sinalización horizontal das vías do termo municipal por unha contía anual de 70.000 euros, tanto en 2018 como no vindeiro ano 2019.

O terceiro asunto foi declarar deserto o procedemento aberto para a contratación do Servizo de Casa de Acollida de Mulleres Vítimas de violencia de Xénero. Porén, o alcalde de Ourense asegurou que “ningunha familia vai deixar de ser atendida, e até xuño o contrato segue en vigor”.

Asuntos Sociais (2). Por unha banda, aprobouse a convocatoria pública de axudas para adquisición de libros de texto, material escolar e comedores escolares. O gasto aprobado é de 20.000 euros para libros e material escolar e de 223.348,47 euros para comedores escolares, dos que 67.005 euros corresponden ao ano 18 e 156.343,47 euros para o ano 19. As bases completas, con todas as condicións e baremos, foran publicadas no BOP do 15 de abril de 2017.

Tamén de Asuntos Sociais foi a aprobación da convocatoria para a concesión de subvencións do Concello de Ourense a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, en materia de Servizos Sociais, para o ano 2018. Para este fin, o Concello habilita unha partida de 325.093,24 euros. Poden concorrer as asociacións e entidades validamente constituídas sen ánimo de lucro e que realicen actividades de interese ou promoción social, ou de utilidade pública e que sexan de interese municipal.

Cultura (1). Logo da aprobación das bases para o concurso do cartel anunciador, a xunta de goberno local aprobaba esta mañá as bases e a convocatoria do Concurso de Maios e Coplas 2018, e que estará dotado con 15.000 euros. As bases poderán consultarse en ourensecultura.com

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar