As mulleres xitanas “marcan a diferenza” en Santiago de Compostela

 

A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, deu conta esta mañá dunha campaña posta en marcha pola Fundación Secretariado Xitano e Agareso en colaboración con Obra Social “laCaixa” e o Concello de Santiago que busca “visibilizar as mulleres xitanas no noso municipio”. Na rolda estivo acompañada de Lorena Seijo, coordinadora de Agareso, e Isabel Suárez, coordinadora do Equipo FSG Santiago..

Dentro desta iniciativa, enmarcada no Día Internacional do Pobo Xitano que se celebra o 8 de abril, destaca a estrea da curta Marcando la diferencia, creada e protagonizada por dez mulleres xitanas de Santiago. Este documental presentarase mañá venres, 6 de abril, a partir das 18:00 horas no CSC das Fontiñas. Tal e como destacou Concha Fernández, “ten unha mensaxe clara, como é amosar as dificultades ás que se enfronta o colectivo, mais tamén falar dos aspectos positivos da súa identidade e das cuestións negativas que afectan a todas as mulleres”. A campaña inclúe a colocación da bandeira do pobo xitano, que ondeará no Pazo de Raxoi de venres a domingo.

Tal e como sinalou Lorena Seijo, “as mensaxes que forman parte da campaña foron elixidas polas propias mulleres co que elas entendían que debían comunicar”. Na mesma liña se pronunciou Isabel Suárez, quen cualificou o proxecto como “moi ilusionante” e explicou que “é resultado do traballo feito ao longo dun ano”.

A curta é froito do traballo de Lurdes, Pilar, Amparo, Verónica, Saray, Dolores, Sabrina, Rebeca, Encarna e Tamara, que os pasados meses de xaneiro e febreiro realizaron un obradoiro de vídeo participativo impartido pola ONGD Agareso, dentro do proxecto Promociona, capitaneado pola FSX e que conta coa colaboración da Obra Social “laCaixa”.

Liña argumental
Na curta, unha rapaza xitana dille á súa nai que non quere seguir co negocio familiar, que lle gustaría estudiar medicina. Tras o conflito inicial, desencadéanse unha serie de encontros que nos desvelan a estrutura de apoios e de dificultades que comparten as mulleres da comunidade xitana con outros colectivos de mulleres, especialmente coas racializadas e con aquelas cunha forte carga familiar e/ou de coidados. A mensaxe, ao final, é a capacidade de cambio que posúen as mulleres novas, que están chamadas a “marcar a diferenza”.

Estas dez mulleres xitanas construíron a súa mensaxe a través de varios exercicios audiovisuais nos que xurdiron temas como a integración, a interculturalidade, a solidariedade e o respecto. Todos eles, aseguran, “reclámanse e constrúense de xeito colectivo”. E iso é o que elas lles piden “a todas as mulleres”, cara a cara, dende unha identidade xitana orgullosa e en plena evolución, a través da campaña Das mulleres xitanas para todas as mulleres: Loitemos por cambiar os tempos, xurdida a partir do obradoiro realizado.

As caras de oito destas mulleres valentes protagonizan os carteis que inundan estes días os parques, as rúas e os buses urbanos de Compostela, así como os centros socioculturais e educativos da cidade. Neles, diríxense, principalmente, ás mulleres, de toda raza e condición. Pídenlles que “loitemos por cambiar os tempos” e recórdanlles que, para facelo, poden contar coas mulleres xitanas. Que baixo a súa pel e ollos escuros, teñen moito que dicir. Son loitadoras, familiares, orgullosas e traballadoras. Poden, elas e calquera outra muller, defender un traballo como calquera. Un traballo digno. Están criando aos seus fillos e fillas para que non perdan a súa identidade, pero “marcando a diferenza”: con estudos, respecto, saúde e liberdade.

Entidades
A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) é unha organización sen ánimo de lucro formada por profesionais da comunicación co obxectivo de poñer as ferramentas propias do seu sector ao servizo da transformación social, principalmente a través de proxectos de cooperación internacional, educación para o cambio e acción social. Este ano celebra o seu décimo aniversario.

A Fundación Secretariado Xitano (FSX) lanzou a súa primeira gran campaña de sensibilización en 2004 co obxectivo de “desmontar os estereotipos negativos cos que se asocia á comunidade xitana, loitar contra a discriminación e tratar de mellorar a imaxe social dun dos grupos sociais máis estigmatizados e peor valorados”. Dende entón, lanzou múltiples mensaxes á sociedade española: Cidade 0A Tatuaxe Que Máis Doe#LeonorDejaLaEscuelaAsómate aos teus soñosXitanos con estudos, xitanos con futuroDe maior quero ser?O emprego fainos iguaisOs teus prexuizos son as voces doutros ou Coñéceos antes de xulgalos.

Promociona é un proxecto social desenvolvido pola FSX, orientado a favorecer a normalización educativa do alumnado xitano para conseguir taxas máis elevadas de éxito académico no último ciclo de Educación Primaria e en Educación Secundaria Obrigatoria, e promover a continuidade en estudos medios e/ou superiores e a formación profesional.

Os símbolos xitanos máis coñecidos son a bandeira, o himno Gelem, Gelem, a celebración do 8 de abril (Día Internacional do Pobo Xitano), os símbolos da roda de carro e da fogueira, así como o saúdo “Sastipen” (saúde) ou “Sastipen thaj mestipen” (saúde e liberdade).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar