Teo: O PPdeG denuncia unha segunda contratacion a dedo para un programa participativo

 

Non hai argumento que sosteña unha segunda contratación a dedo para xestionar un programa de democracia participativa. Os populares teenses esixen que o concelleiro responsable da contratación directa da xestión do consello infantil e xuvenil, Ignacio Iglesias, dea explicacións públicas dos motivos.

O pasado mes de febreiro todos os grupos políticos foron convocados a participar na sesión plenaria do Consello Local da Infancia e da Adolescencia no Concello de Teo. Esa sesión era froito dunha serie de xuntanzas previas con mozas e mozos de centros educativos teenses nas que se analizaron necesidades en Teo coma o servizo de autobús ou problemas de seguridade viaria.

Mais, para sorpresa dos populares teenses, a xestión non correu unicamente por conta directa do Concello senón que, ao igual que ocorre coa xestión das reunións parroquiais, tamén se contratou a unha entidade, tal e como mesmamente se detalla na propia web desta.

“Non se entende dende ningún punto de vista que aqueles que ían municipalizar todo estean recorrendo á contratación a dedo para xestionar a tan cacarexada democracia participativa”, explica o voceiro dos populares teenses, quen insistía en que “Ignacio Iglesias ten que dar a cara e ofrecer explicacións públicas acerca dos escuros motivos que lle están levando a facer estas contratacións” cando, recorda, “hai seis nóminas a cargo do equipo de goberno”.

Os “gobernos do cambio”: o cambio para peor
Esta nova información coñécese semanas despois de que se destapara a contratación -tamén a dedo- dunha asinante do Manifesto da Marea Ártabra de Ferrol para realizar a xestión do Consello parroquial teense.

Os populares solicitan a proposta de gasto da xestión do Consello Parroquial, á que suman a deste novo programa de participación infantil e xuvenil. Para o seu voceiro, a veciñanza ten que coñecer canto antes canto nos custa o “negocio da democracia participativa en Teo”.

Definitivamente, para Guerra queda ao descuberto a incapacidade que ten o executivo para achegarse á veciñanza a escoitar cales son os seus problemas. Esta nova contratación a dedo instala definitivamente o amiguismo no executivo local teense nun feito que os populares cualifican de “tan escandaloso como representativo da auténtica cara destes gobernos do cambio. O cambio para peor”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar