Os responsables de emerxencias de Madrid visitaron Axega na Estrada

 

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, acompañaron a responsables de emerxencias da comunidade autónoma de Madrid, que se achegaron ata A Estrada para coñecer de primeira man as instalacións e funcionamento do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112) e da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

O director da Axencia de Seguridade e Emerxencias Madrid 112, Carlos Novillo, e a xerente de Madrid 112, Inés Berrio, interesáronse polos programas formativos que ofertan na AGASP e os procesos de homologación e certificación profesional que desenvolven co obxectivo de aproveitar esta experiencia para implantar iniciativas similares en Madrid, onde queren poñer en marcha un centro de características similares.

Ademais, os responsables de ambas comunidades autónomas trataron nesta xuntanza cuestións como o impulso de acordos de coordinación de emerxencias en materias como a accesibilidade de persoas xordas, a xeolocalización e o sistema e-call, que xa están en funcionamento en Galicia.

Os representantes de Madrid tamén amosaron interese por coñecer o funcionamento do Grupo de Apoio Loxístico da Axega de cara á súa posible implantación na comunidade autónoma de Madrid.

Este encontro inscríbese no marco de colaboración que veñen mantendo ambas comunidades autónomas en materia de emerxencias e prevención, como se demostrou, por exemplo, no desprazamento de operativos de Madrid durante a última vaga de lumes. Tamén se enmarca na liña de colaboración aberta entre Madrid, Galicia e Castela e León que inclúe entre os seus eixos a materia de emerxencias.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar