Seica obras son amores

Escoitei ao Ministro das grandes obras públicas do Estado afirmar que o Boletín Oficial do Estado estes tempos falaba en galego, porque se atendían problemas que afectaban a Galicia, xa fosen do Ave, as autovías ou aquelas cousas polas que suspiramos anos, e cando se consiguen considerámolas o máis normal do mundo e poñémonos a aspirar a outra realización, solucionada a carencia máis importante e inmediata.

Os anos foron dándonos satisfaccions dese xeito, coa xa vella NVI, logo a A6 e A8, o que a min me ten feito pensar que sorte temos os lucenses de que quedemos no medio e medio do camiño cara A Coruña vindo de Madrid, que se así non fose íbamos enterarnos do que supón ser modestos, e non só nos deportes.

Coa NVI, hai varias décadas que contamos, que tardou máis do debido porque por Becerreá o terreo poñíase difícil, e as pontes encarecían o trazado, pero ao final fomos conseguindo comunicarnos con Madrid en medio día, que antes só subir o porto de Pedrafita podía costar unha hora.

Logo, a A 6 xa foi Jauja, se ben os chairegos tivemos sufrimento especial porque por Begonte as obras afundianse xa que o terreo é fraxil e cheo de auga. Pero conseguímolo… E xa estaba. Coidabamos que o firme era firmemente eterno, pero non era verdade.

E dun tempo a esta parte, do mesmo xeito que os camións trazaban descomunais rodeiras na NVI, o pavimento levántase desde O Ceao a Rábade, non dando tempo a medir os centímetros de fondura que teñen estes furados, pero coidando que se fora conducindo aquel meu vello Seiscentos, calquera destes burados me podía mandar fóra da estrada.

Estes días pasados andiven de viaxe buscando o sol que máis quenta se atopalo, e por iso me quedaron un pouco lonxe as queixas polo mal estado e polo pouco firme do firme, así como as razóns que as autoridades daban para quitarlle importancia ao tema.

Pero como un ministro do goberno é un ministro, e ademáis falaba acompañado polo Presidente da Xunta, e afirmaba que o Boletín Oficial do Estado falaba en galego, e o ano que ven hai eleccións municipais, e nós para outra cousa non valeremos pero para votar si que se nos reclama e cotizamos, pois eu quero pensar que as grandes obras – serán amores?- están todas en marcha, polo de pronto sobre o papel, e ata as minucias que nos preocupan cando circulamos pola Autovía Madrid-Coruña, no tramo lucense que tanto nos afecta, seguro que acaban por solucionarse, tapándonos a boca de paso que tapan os furados. Ogallá.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar