Cidade da Cultura:A maior exposición de arte galega realizada ata o momento

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á mostra Galicia Universal nas coleccións de Abanca e Afundación como unha consecuencia do espírito creativo aberto, integrador e fértil dos galegos, dese espírito universal que nos anima desde antano e que fai que Galicia siga voando nas ás da cultura.

Durante a inauguración da exposición, Feijóo subliñou que esta escolma de 192 obras de pintura, escultura e fotografía que percorre os últimos 150 anos, é un tesouro pacientemente acumulado por Afundación e Abanca Corporación Bancaria, onde o visitante foráneo non se notará estraño, senón que se sentirá interpelado por calquera dos 119 creadores plásticos.

Ao respecto, aseverou que non é doado atopar creadores galegos abonados ao illacionismo. “Vémolos sempre presentes nas tendencias artísticas do momento, empeñados en que non haxa estilo, escola ou modo de expresión onde non estea a pegada do galego. Os momentos, paisaxes, facianas e espazos son unha galeguidade universal e un universalismo galegos”, dixo, incidindo en que esa universalidade tantas veces reivindicada non supuxo nin supón un menoscabo para o noso, senón unha proxección, unha fortaleza adicional.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico trasladou os parabéns ao presidente de Abanca, á Consellería de Cultura, ao Museo Gaiás, aos responsables da montaxe e aos artistas que protagonizan a que é a maior exposición de arte galega realizada ata o momento.

Feijóo concluíu facendo fincapé en que nesta mostra se presenta unha arte entendida como creación colectiva, na que o artista é un intérprete. Non en van, cada unha destas obras rescata para a posteridade ambientes, tipos humanos e perspectivas que doutra forma se terían perdido.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar