O BNG demanda no Parlamento Europeo unha política coordenada conte os incendios

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, interveu na sesión plenaria do Parlamento Europeo na quenda de debate co primeiro ministro de Portugal, António Costa, sobre a praga de incendios que asolou Galiciaa e Portugal o pasado mes de outubro, “un problema europeo de moita gravidade, común para os nosos pobos”

 

Tras manifestar a súa emoción por poder falar “na nosa lingua” no Parlamento Europeo, Ana Miranda expresou os seus parabéns as forzas políticas que “permiten abrir camiño ao Goberno de Portugal de facer fronte á austeridade e dar resposta aos problemas sociais” e fixo referencia a un grave problema común en Galiza e Portugal -que tamén afectou a outros pobos europeos- como é “a traxedia dos incendios”.

A eurodeputada nacionalista salientou que o cambio climático e a falta de prevención intensifican os lumes e “merecen unha resposta política que debe ser coordinada en Europa” para corrixir os déficits de capacidade, recorrentes e emerxentes, “porque os incendios non teñen fronteiras”, recalcou.

Neste sentido, Miranda dirixiuse ao primeiro ministro portugués para que dera a súa opinión sobre a necesidade de reforzar o Mecanismo de Protección Civil europea, dotándoo de máis medios financeiros e humanos. E lembrou que Portugal xa solicitou activar o Mecanismo de Protección Civil da Unión Europea, mentres que, pola contra, España non o fixo.

Ao seu xuízo, este feito”constitúe unha mostra máis da ineficacia do goberno do Partido Popular, ao non por en marcha as medidas necesarias para previr situacións tan perigosas e dramáticas como as que se viviron en Galicia no mes de outubro do ano pasado”.

Na súa resposta, António Costa agradeceu á eurodeputada a súa intervención “por falar nun portugués magnífico de inspiración galega” e facer referencia á traxedia dos incendios. Salientou que, ao respecto, as medidas da Unión Europea son importantes, e cualificou de “esencia” as reservas europeas que completen as responsabilidades nacionais de cada Estado membro.

“Pero tan importante ou máis é actuar sobre as causas dos incendios”, engadiu o primeiro ministro de Portugal, para quen é necesaria unha “nova política agraria que permita adecuar os bosques do sur de Europa ás novas condicións climáticas”. Diminuír a presenza de eucaliptos e pinos e incrementar a de carballos e outras especies máis resistentes ao lume, forman parte das medidas que Costa mencionou para acadar o cambio na política forestal e rural sustentable.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar