Ourense contará cun “skatepark” de 800 metros cadrados no Couto

O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes aprobou a redacción do proxecto dun novo skatepark para Ourense. Esta iniciativa, acordada con todos os clubs deportivos desta disciplina na cidade, foi presentada na xunta de goberno local.

“A día de hoxe, e tal e como figura no informe de necesidades deste expediente, as instalacións deportivas existentes para a práctica desta actividade deportiva atópanse obsoletas, e dificilmente reúnen as condicións de seguridade mínimas”, aseguraba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa. “Por outra banda é unha das grandes demandas dos colectivos que practican estas disciplinas como así se deixou constancia nos distintos Plenos”, dixo o rexedor.

Na procura de posibles candidatos para a redacción do proxecto, consultóuselle aos colectivos que practican esta actividade na nosa cidade, e despois comprobouse a experiencia deses posibles candidatos na construción de skateparks a nivel nacional, segundo o informe presentado esta mañá.

As premisas para redactar foron as seguintes: “Debe incluír zona de street, bowl e pumptrack derivado das continxencias deste tipo de espazos de expuxeron os distintos colectivos”, explicaba Vázquez Abad.

Pero tamén adaptarse ao espazo municipal asignado, consistente nunha superficie chan duns 800-900 metros cadrados. A zona elixida, segundo idoneidade dos estudos sectoriais e demandas dos colectivos foi o parque fronte ao Centro de Saúde do Couto, entre a N120 e a rúa Velázquez.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar