Premios “Exceleite” para os mellores productores de leite de vaca

 

 Neste ano 2018 volverán a recoñecerse os mellores produtores galegos de leite, a través dos Premios Exceleite creados pola Consellería do Medio Rural. O Diario Oficial de Galicia (DOG) xa ten publicado a orde pola que se convocan para o presente exercicio os galardóns á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca.

Tras a boa acollida deste certame entre o sector produtor lácteo galego, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez decidiu manter estes premios que recoñecen a aqueles gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen.

Estes premios distinguen ás explotacións en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e á súa vez estas subdividiranse cada unha delas en tres grupos segundo o sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñeceranse tamén especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste laboratorio os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia. As explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como cumprir outras características técnicas que se detallan na convocatoria.

Proceso de selección

A primeira selección das granxas que poden optar a estes premios farase segundo os resultados que dean as análises do Ligal e remitiráselles aos seleccionados unha carta para que eles autoricen a súa participación como finalista.

Unha vez acepten a súa selección no galardón comezarán as visitas de campo ás granxas para corroborar que as características da explotación son as axeitadas. De ser así, como debería ser o caso, os gañadores basearanse exclusivamente nos resultados do leite.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar