Ricardo Couto

 

Neste febreiro de neves, os amigos laiámonos da sensibles perda de Ricardo
Couto, precisamente no Día Mundial da Radio, que todos celebramos polo
milagro radiofónico, pero de xeito especial Ricardo, Xesús Mato e máis eu
porque, parodiando ao poeta amigo Díaz Castro, podemos dicir que “a radio
–a beleza- fireunos para sempre”.

Decía Ricardo que Xesús Mato, que tivo en Lalín a primeira parroquia,
“ensinoulle a amar a radio, a súa profesión máis querida. E foi en Lalín,
aos 17 anos, en La Voz del Deza”, onde Couto descubriu que a Radio con
maiúsculas, é a forma máis directa e entrañable de facer amigos.

Hai medio século -1967-, naceu Radio Popular de Lugo, e pouco despois
chegaba a ela o crego Xesús Mato, que viña de Lalín. Nacera en Paradela,
pero en canto foi ordenado mandárono para Lalín, onde fundou a Coral
Polifónica, promoveu vivendas para xente humilde, creou a emisora La Voz
del Deza e tivo como discípulo ao rapaz Ricardo Couto, que escribía moi
ben, era serio, metódico, formal e apuntaba moi boas maneiras.

Xa en Lugo, cando Mato empezaba a ser o xigante social que logo foi,
chegou Ricardo Couto, humilde, calado, traballador. E conquistounos co seu
traballo, coa súa palabra, co seu xeito. Mato escribía os textos de “O
Anxeliño”, do que Couto dicía que era “unha reflexión interior de
humanidade e espiritualidade; un revoloteo de tres minutos coa poesía”, e
eu leía eses textos, para espallalos a toda a audiencia. E como Mato
andaba
metido en mil aventuras –culturais, radiofónicas, sociais, relixiosas…- de
cando en cando sustituíao Ricardo, que xa dixen escribía moi ben.

Foron tempos fermosos e ilusionantes. E de Lugo, da Radio, Ricardo Couto
foise para A Coruña, a El Ideal Gallego, para encargarse da difusión do
xornal… anos despois, cando eu andaba pola Radio Galega, chegou co daquela
Alcalde José Cuíña, do que foi asesor. E xa nesta etapa definitiva, no
mundo da publicidade, no seu Lalín, onde axudou a que foramos presentar o
libro “Mato sono ío”, homenaxe ao seu amigo Xesús Mato, superando con
entusiasmo a enfermidade que non daba podido con el.

E foi Mato quen me deu a triste nova do seu pasamento, e decidimos que
aínda que as lembranzas, o agarimo e as oracións non saben de distancias,
tiñamos que acudir a Lalín para decirlle adeus a Ricardo Couto, o amigo da
palabra xusta, do corazón grande, da firmeza segura, do exquisito trato,
exemplo de home bo e xeneroso.

Os amigos non o esquecemos, e o oco que deixa en nós non o vai ocupar
ninguén, porque non sabemos de ninguén que se adapte a tan especiais,
garimosas e sensibles características do amigo Ricardo ao que desexamos
que
a súa terra de Lalín o cubra con agarimo, e os vellos amigos que xa se
foron o acollan con apertas grandes no anaco de ceo que ten que haber
reservado para os que souberon facer patria co súa escrita, coa súa
palabra, co seu entusiasmo, co seu gran corazón.

(Leído por Xulio Xiz no funeral celebrado na igrexa parroquial de Lalín o
15 de febreiro de 2018)

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar