Pontevedra:Os adolescentes identifican o maltrato só coa violencia física

 

Agredir fisicamente; empurrar ou losquear no transcurso dunha discusión, obrigar a ter relacións sexuais sen apetecerlle a ela ou a el ou insultar, humillar e facer calar a outra persoa en público ou en privado é maltrato. Os adolescentes téñeno claro.

Pero se falamos de dicirche como debes vestirte, comportarte; de agresividade ou dano no xogos amoroso e sexual; de enfadarse se saes con amigos ou amigas, de quererte só para el ou ela; de comportarse de forma agresiva por algunha cuestión que para ti non tiña importancia; de deixar de falar durante días a túa parella porque fixo algo que non che gustara. Nestes casos a claridade non é tal.

Eles teñen máis dificultade que elas para identificar todas estas situacións como violencia de xénero e os/as adolescentes con parella moito máis que aqueles/as que nunca a tiveron ou non a teñen hoxe en día.

Esta é a realidade que reflicte -e na que se traballa co fin de mudala- o programa nAmorAndo que se desenvolve nos institutos, unha intervención escolar de prevención da violencia machista que promove a Concellería de Educación e Igualdade. O seu obxectivo é que os nenos e nenas e as/os adolescentes medren, se formen e relacionen como iguais e que formen parte activa da loita contra a violencia de xénero, ben cambiando actitudes ou rexeitando estereotipos e roles sexistas e mesmo aprendendo a cuestionar a visión do amor baseado no concepto de amor romántico que perpetúa a ideoloxía machista.

nArmorAndo traballa en dous segmentos de idade: nenos e nenas de 4a curso de Primaria (de 9 e 10 anos) e adolescentes de 4o da ESO (14-16 anos). En nAmorAndo-2017 participaron 309 estudantes de 4a curso Primaria dos CEIP Xunqueira I, Xunqueira II, Barcelos, Álvarez Limeses, Cabanas-Salcedo, Vilaverder-Mourente, San Bieito de Lérez e Príncipe Felipe e 345 alumnos/as de catro institutos: Xunqueira I (3 aulas), Xunqueira II (4 aulas), Sánchez Cantón (5 aulas), Luis Seoane (2 aulas).

A idade media do alumnado de Secundaria que participou en nAmorAndo é de 15,6 anos e a metade deles teñen ou tiveron parella nalgún momento.

Sesións con música, curtas, fragmentos de películas, role-playing, teatro ou xogos serviron para promover o debate e reflexión sobre os comportamentos machistas, as relacións de parella -baseadas moitas veces nos mitos do amor romántico- e a violencia de xénero, O debate xerado foi intenso e a participación das adolescentes máis activa que a deles. O programa nAmorAndo consolídase tamén coma unha porta de entrada aos Consellos da Muller Nova.

O obxectivo de nArmorAndo no é outro que os e as adolescentes reflexionen e vivan a repercusión que ten o amor romántico na súa visión das relacións de parella. Axudarlles a criticar e rexeitar concepcións erradas que impiden que se desenvolvan como persoas completas, que perpetúan a procura da felicidade noutra persoa esquecendo as súas inquietudes, intereses e formas de ser e estar particulares.

O traballo realizado ao abeiro do programa nAmorAndo amosa, un ano máis, que entre os adolescentes persisten crenzas do amor romántico do tipo “as persoas cambian por amor” e continúan a ver en comportamentos como o control do teléfono e das redes por parte de parella, no enfado se saes con amigos/as ou nos celos unha proba de amor.

No relativo á valoración da violencia machista, o alumnado ten dificultades -e sobre todo eles máis que elas e os que teñen parella fronte ás/aos que non- para identificar certos comportamentos de violencia física ou psicolóxica como claramente maltrato como, por exemplo: deixarte de falar a túa parella durante días se fai algo que non che gusta; controlar a forma de vestirse; ignorar sempre os desexos da túa parella, menosprezar as súas opinións; presionala para que deixe os estudos ou o seu traballo; a agresividade verbal, física ou no xogo sexual.

A intervención escolar contra a violencia de xénero, o programa nAmorAndo é tamén unha reivindicación das relacións baseadas na igualdade e unha aposta pola aceptación de diferentes formas de parella e a reprobación en calquera caso de actitudes que favorezan a violencia psicolóxica e física entre dous seres humanos. E con este horizonte trabállase cos adolescentes participantes

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar