Manuel Baltar visita a Asociación contra o Cancro de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou as oficinas da Asociación Española contra o Cancro en Ourense, que conmemora os seus 25 anos de traballo a prol dos pacientes oncolóxicos e as súas familias. Baltar quixo unirse a celebración desta efemérides agradecendo o convite por parte da presidenta, Dora Gómez, e o equipo directivo da AECC en Ourense, “felicitándoos pola labor altruísta e de servizo que realizan na nosa provincia, tendo sempre presentes os valores de axuda, unidade, transparencia, profesionalidade, independencia e dinamismo, todo elo unido, creando esa fortaleza e apoio que se necesita en momentos duros e difíciles coa axuda de todos e con máis investigación, concienciación e implicación”, afirmou o presidente do goberno provincial.

Manuel Baltar destacou que asociacións como esta “merecen non só o respecto e a admiración senón tamén o apoio que podamos dar desde as administracións públicas para que sigan avanzando no gran labor que realizan”.

Pola súa banda, Dora Gómez agradeceu a visita ao presidente da Deputación de Ourense, e solicitoulle o apoio da institución provincial en materia de infraestruturas, de cara ao novo proxecto no que está a traballar a asociación para poder dispoñer de novas instalacións que melloren os servizos e a atención a pacientes e as súas familias.

No decurso da visita, Baltar asinou no Libro de Honra da asociación e depositou unha mensaxe e un pin co símbolo do sorriso da Ourensanía na denominada “Cápsula do tempo”, na que a AECC de Ourense recolle agasallos que simbolizan o apoio da sociedade ourensá ao traballo que realiza a asociación. Na súa mensaxe o presidente augurou nos próximos anos “magníficas noticias na loita contra as enfermidades”, afirmando que “máis investigación é máis futuro, máis vida”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar