Santiago:Recepcion do alumnado premiado do IES Rosalía de Castro

O alcalde recibiu aos alumnos e alumnas do IES Rosalía de Castro que veñen de ser distinguidos no 30 Certame de Jóvenes Investigadores que organizan o Instituto de la Juventud, INJUVE, e o Ministerio de Educación. Na mesma convocatoria, o centro educativo compostelán recibiu unha mención de honra polo seu destacable labor no fomento da cultura científica, tecnolóxica e investigadora no ámbito da mocidade.

O alcalde felicitou ao director do instituto, Ubaldo Rueda, e ao seu profesorado “porque o IES Rosalía segue sendo unha referencia do ensino público para toda Galicia”, e animou aos estudantes e “seguírense formando para seren parte do capital desta cidade e do noso país”. Martiño Noriega mostrou tamén o seu desexo de que “estes rapaces e rapazas non se vexan obrigados a saír para facer carreira científica”.

O 30 Certamen de Jóvenes Investigadores estivo protagonizado polo alumnado do IES Rosalía de Castro. O seu segundo premio foi para o alumno do centro Francisco José Pérez Pérez, por un traballo titulado “Cociña, evolución e reacción de Maillard”. Outra estudante do centro compostelán, Laura Losada Miguéns, conseguiu o terceiro premio polo estudo “A microbiota nos móbiles dos meus compañeiros de clase”. Ademais, Adela Cebeiro Munín e Paulo Miguel Mouriño Pereiro, lograron un accesit polo traballo “Quoniam salvum fecit mundum”.

Na recepción ao alumnado premiado neste certame participaron, ademais do alcalde, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e representantes de PP, PSOE e BNG.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar