TVG: Sete novos proxectos cinematográficos

A CRTVG acordou a súa participación nos proxectos cinematográficos “O enigma de X”, “O Santa Isabel”, “Longa noite”, “Dhogs”,“Gallo”, “O peso da cociña galega: Picadillo”, “O soño de papá”, en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual.

Despois da avaliación realizada pola Comisión Directiva de Programación da TVG, que analizou as distintas propostas presentadas, determinouse a participación da CRTVG nesta selección de proxectos, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%.

“O enigma de X”, de Impulso TV, é a nova proposta do cineasta Xabier Villaverde, que propón unha historia enmarcada en Galicia, en que o protagonista perde a súa nai, a súa casa e o seu mundo persoal. Esta longametraxe conta coa presenza dos actores galegos Nancho Novo e Nerea Barros.

“O Santa Isabel”, de Agallas Films, é a primeira longametraxe de ficción como directora de Paula Cons. Enfocado desde o formato de thriller, o heroísmo e as súas consecuencias conforman a trama dun filme que trata o afundimento do barco Santa Isabel na illa de Sálvora en 1921 e o traballo das poucas persoas que alí vivían para axudar os sobreviventes.

No caso de “Longa noite”, trátase da primeira produción de Fílmika Galaica, en que Eloy Enciso ofrece unha ollada persoal co fondo histórico dos primeiros anos da posguerra civil española.

En canto a “Dhogs”, é a ópera prima do lucense Andrés Goteira, que se converteu na primeira película galega seleccionada na sección oficial do Festival de Sitges nos 50 anos de historia deste certame de cinema fantástico.

No terreo dos documentais, a TVG participará en “Gallo”, de Frida Films e ETB, que narra unha apaixonante e emotiva historia de sacrificio, superación e amizade, a de Aitor, que logrou ser campión do mundo de surf adaptado.

Outro proxecto seleccionado é “O peso da cociña galega: Picadillo”, unha proposta de documental biográfico de Formato Producciones, que explora a importancia actual da gastronomía galega, a través da visión de Manuel María Puga e Parga.

Finalmente, “O soño de papá” é unha proposta documental de Xamalú Filmes que trata dun soño polo que moitos pais e nais están dispostos a loitar, hipotecando a tranquilidade da familia e mesmo sacrificando a infancia: o de chegar a formar parte da elite futbolística.

De entre os proxectos presentados, remárcase un que se considera de interese, pero que, por mor dos recursos económicos dispoñibles, se estima a posibilidade de participación no próximo exercicio: “Quen a ferro mata”, a nova proposta presentada por Vaca Films con Luís Tosar como protagonista, un filme integramente rodado en Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar