10 mil visitantes nun mes, na exposición sobre os suevos da Deputación de Ourense

 

A exposición In tempore sueborum, que organiza a Deputación de Ourense, a mostra máisimportante de Europa sobre o mundo suevo, acadou a cifra de 10.000 visitantes en pouco máis dun mes desde que abriu as súas portas nos tres espazos expositivos onde se pode contemplar: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal de Ourense.

O alcance mediático, incrementado notablemente trala presentación a pasada semana na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur), suma millóns de espectadores nas reportaxes emitidas por televisión, destacando a cobertura informativa realizada polas plataformas de Mediaset España –Telecinco e Cuatro TV-, a Televisión de Galicia (TVG) e no ámbito local, Telemiño. Unha difusión á que se unen as información publicadas pola prensa, revistas especializadas e diarios dixitais así como por emisoras de radio.

Todo elo contribuíu notablemente a incrementar o número de visitantes da que é a exposición máis importante da historia na provincia de Ourense, que neste momento superan as 10.000 persoas, 2.000 das cales realizaron visitas guiadas, procedentes de asociacións e diferentes entidades, así como de centros educativos, cifras ás que hai que sumar os máis de 600 espectadores que participan nos Foros La Región específicos sobre a mostra, que se desenvolven no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.

Unha promoción na que tamén colabora Renfe, a través de Internet e situando paneis promocionais nos asentos dos trens Alvia de Madrid, Barcelona e Alacante con destino a Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco.

Como avanzou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, en Fitur, o éxito da mostra fai que se estea tramitando estender a data de peche –prevista inicialmente para o 4 de marzo- ata o mes de maio.

In Tempore Sueborum reúne por primeira vez o maior número de pezas da época do primeiro reino suevo de occidente, localizado en Ourense, no territorio da Gallaecia (411-585), amosando un total de 262 pezas procedentes de 39 museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña. Os tres espazos expositivos da cidade de Ourense están organizados segundo as temáticas: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” abrangue a deconstrución dos bárbaros; a Igrexa de Santa María Nai acolle o proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal amosa o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar