O alcalde de Santiago cualifica de «históricos» os usuarios do aeroporto: 2,6 millóns en 2017

.

O alcalde mostrou a súa satisfacción polos datos do aeroporto de Lavacolla que vén de facer públicos AENA, e que recollen que a terminal compostelá sumou un tráfico de máis de 2,6 millóns de pasaxeiros en 2017. Esa cifra supón acadar un novo récord histórico, superando nun 5,3% o volume de viaxeiros de 2016.

Martiño Noriega puxo o acento no dato do mes de decembro, cando pasaron por Lavacolla algo máis de 200.000 usuarios, un 15% máis que no mesmo mes de 2016. Para o alcalde, «este volume de pasaxeiros mostra que imos no camiño correcto para lograr a desestacionalización do turismo, que se vén fixando como reto do sector dende hai anos». Ao tempo, o alcalde incidiu en que «os datos de Lavacolla fannos insistir na importancia da gobernanza do turismo, e reafírmannos en medidas como a moratoria das licenzas hoteleiras na cidade histórica e en propostas como a da taxa turística».

Ano Santo
O rexedor mostrouse convencido tamén de que «a tendencia en Lavacolla seguirá sendo á alza nos próximos exercicios, ata o Ano Santo de 2021». Preguntado pola creación da Comisión organizadora do Xacobeo 2021, anunciada onte pola Xunta, expresou o seu desexo de que «sexa un espazo de coordinación real, tanto de programación como de esforzos económicos». Tamén avogou porque a persoa elixida para dirixir esa comisión «sexa unha persoa de consenso» e reiterou a vontade do Concello «de traballar coa Xunta porque as administracións teñen que colaborar e non competir para celebrar o Ano Santo de 2021».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar