A Deputación de Ourense apoia a Mascarada Ibérica

A Deputación de Ourense acolleu a presentación da IV Mascarada Ibérica, que reunirá os vindeiros 13 e 14 de xaneiro en Vilariño de Conso e Viana do Bolo a representantes dos mellores entroidos etnográficos de España e Portugal, en desfiles e actividades culturais e de lecer nas que participarán máis de 600 persoas, integrantes dos 40 grupos chegados de diferentes puntos da Península Ibérica.

O acto de presentación contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; os alcaldes de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, Secundino Fernández e Melisa Macía; o presidente da comisión Entroido de Viana, Jorge Domínguez, e a representante da asociación Xuntos polo Folión de Vilariño, Nieves Rodríguez. Rosendo Fernández destacou “o alto valor etnográfico do evento” y dixo que a Mascarada “supón un pulo económico e turístico para estas contornas rurais da provincia de Ourense, que teñen como obxectivo unificar os entroidos e salientar as antergas peculiaridades dunha festa na que participan activamente os veciños, o que supón unha interacción e revitalización constante da nosa cultura, historia e etnografía”.

Na IV Mascarada participarán grupos de Galicia, Castela-León, Castela A Mancha, Asturias, Cantabria e Portugal, contando co apoio da Deputación de Ourense e a organización por parte da Comisión Entroido 2018 de Viana do Bolo, a Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño de Conso e a Sociedade Antropolóxica Galega, ademais dos concellos de Vilariño de Conso e Viana do Bolo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar