Votaron…, e o problema segue aí

O independentismo catalán conseguiu o seu obxectivo: acadou a maioría absoluta. Nin o 155, nin a represión, nin os encadeamentos, nin o exilio, nin os barcos con policías, nin a fuga de empresas, nin as ameazas da UE, nin todas as campañas dos grandes medios de comunicación españois e europeos xuntos.., nin algúns dos despropósitos políticos que cometeron, conseguiron minguar a fidelidade do seu electorado.

Até aquí o seu éxito. Pero se esquecemos no aspecto social, no que se consolida a opción independentista, no mero aspecto político, o nacionalismo catalán teno moito peor que cando no 2015 Artur Mas conseguiu 72 deputados. Daquelas o camiño que escolleron, o da uniteralidade, propiciado polas disputas partidarias, aínda era un vieiro sen transitar. Agora xa saben a onde os leva: a unha confrontación directa co Estado que non están en condicións de dar.

En primeiro lugar, porque non teñen os apoios necesarios: a súa maioría non acada o 50%. O grande capital catalán, que se aproveitou do pujolismo e que cohabitaba venturoso co nacionalismo, non está disposto a permitir a independencia. Nin a UE, nin os seus estados van apoialos, sobre todo polo efecto mimético. Non hai máis que ler os grandes xornais europeos estes días para darse conta, se alguén aínda matinaba noutra cousa. O exemplo máis claro foi La Stampa de Turín. E, sobre todo, porque a confrontación directa co Estado leva a unha confrontación social interna.

Por se fora pouco, o partido máis votado é Cidadáns, creado pola banca catalá para facerlle fronte ao independentismo e que, nese aspecto, se presenta máis extremista co mesmo PP, cun problema engadido, non ten poder institucional, polo que se atopa coas mans libres para acentuar a demagoxia e tratar de premer ao PP a nivel de Estado… A non ser que o grande capital catalán decida escoller o diálogo na vez da confrontación directa co independentismo e procurar unha saída dialogada.

Así que ao independentismo catalán non lle vai resultar fácil atopar agora o camiño a seguir. Puido exiliarse a Generalitat e non concorrer as eleccións. Pero saben que o procés e o aumento de conciencia nacional só pode seguir avanzando desde o o goberno. Así que os independentistas están condenados a pactar. O problema é que terán que acordar primeiro para que se unen, pois non se pode camiñar xuntos moito tempo se cada quen vai para o seu lado. Puigdemónt saíu reforzado, mesmo no seu partido, e deberá de marcar o itinerario. Pero Puidemont non é un home de Estado, aínda que non van poder prescindir del como fixeron con Artur Mas.

Con estes resultados, a grande incógnita é quen vai propiciar a negociación Generalitat-Estado.

Afonso Eire é xornalista e colaborador habitual de “El Correo Gallego”

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar